As axudas da Xunta para reparar casas danadas polos incendios alcanzarán os 132.000 euros se son vivenda habitual

Persoal do operativo antiincendios traballando nos labores de extinción do lume, a 25 de agosto de 2025, na Pobra do Brollón (Terra de Lemos). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

As empresas damnificadas polos lumes poderán recibir desde 600.000 euros até 1,5 millóns.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciou que as axudas para reparar casas danadas na vaga de incendios alcanzarán até 132.000 euros se son vivenda habitual e 60.000 euros no caso das de ocupación ocasional.

Tal e como o trasladou o presidente no Consello da Xunta extraordinario, decorrido esta sexta feira en Ourense, con motivo da presentación das axudas para os damnificados polos incendios que afectaron o país nas últimas semanas, esta contía cubrirá a rehabilitación da vivenda, e de ser declarada en ruína, a adquisición dunha nova.

Rueda detallou que, no caso das vivendas habituais, ademais da contía máxima de 132.000 euros para a súa reconstrución ou a compra dunha nova, as propietarias e os propietarios poderán acceder a unha axuda complementaria de 16.200 euros para mobiliario, roupa e útiles domésticos.

Ademais, as veciñas e os veciños que quedaron sen fogar, poderán acceder a unha axuda de 600 euros para alugar unha residencia ocasional no tempo que dure a reconstrución ou procura dunha nova vivenda. Esta contía é ampliábel se se aloxan nun hotel ou deben facer fronte a gastos de mudanza.

No caso das segundas vivendas, súmase aos 60.000 para a reconstrución ou adquisición dunha nova propiedade, unha axuda complementaria de 5.400 euros para repoñer o mobiliario, roupa ou instrumentos domésticos.

Axudas a industria

Así mesmo, Rueda anunciou que as axudas ás empresas damnificadas polos incendios poderán ir desde os 600.000 euros, para cubrir os danos das instalacións, até, en caso extraordinarios, alcanzar os 1,5 millóns, se son instalacións de grande impacto socioeconómico.

En palabras do presidente da Xunta, o obxectivo destas axudas é "evitar que por razón de danos, se tomen decisións empresariais de feche".