A avaría da máquina de radioterapia no HULA provoca atrasos e incerteza
A avaría dunha máquina clave no HULA, as mobilizacións na Atención Primaria e o debate sobre a detección precoz do cancro evidencian o momento de presión que atravesa a sanidade pública galega.
A avaría recorrente da máquina de radioterapia do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo está a provocar importantes atrasos, cancelacións e situacións de grande "incerteza" para pacientes oncolóxicos da área sanitaria lucense, especialmente para aqueles procedentes da Mariña, obrigados a desprazarse diariamente máis de 80 quilómetros. Así o denuncia a familiar dunha paciente con tumores cerebrais que actualmente está a recibir tratamento e leva sete sesións de radioterapia. Segundo explica, “de sete días, só nun non se estragou a máquina”.
A situación comezou xa no segundo día de terapia. “Tiña cita ás 12 e estivemos até as sete e pico da tarde tirados esperando”, relata. Nos días seguintes, as cancelacións repetíronse. Chamadas pola mañá para dicir que a máquina non funcionaba e incerteza continuada. “Esta segunda feira chaman pola mañá para dicir que non vai, que nos chamarían máis tarde, ás dúas chaman de volta, que non funciona. Na terza feira, o mesmo. O 8 de abril estivemos todo o día ao teléfono, chaman ás cinco menos cuarto, que foramos ás seis menos cuarto. Chegou da radioterapia á casa e debían ser as 21.40 horas”, explica. A incerteza é constante. “Onte mesmo estaba dentro e a máquina parou no medio do tratamento”, tal e como conta a familiar.
Segundo o seu testemuño, o propio persoal sanitario recoñece a situación límite, “eu creo que a enfermeira estaba sobrepasada, porque xa lles dá vergoña dicirnos nada”, explica a familiar. “Dixéronnos que é unha máquina obsoleta, que atende arredor de 60 sesións ao día”, engade, ao tempo que sinala que a presión asistencial é elevada ao ser a única máquina dispoñíbel. A falta de alternativas agrava o problema.
“Que nos digan algo, non está funcionando a máquina, poñemos unha ambulancia, un servizo alternativo, ides a Santiago de Compostela ou onde proceda… o que sexa”, reclama, explicando tamén que unha das peores partes é “estar todo o día pendente e poder ter a capacidade organizativa para poder acompañala”. A familiar tamén advirte de que a súa situación non é un caso illado: “Se nós estamos así, haberá moitas máis familias. Se cada un cala o seu caso, tampouco se sabe”.
Folga na Primaria
Mentres este tipo de situacións continúan a sucederse no sistema sanitario galego, a CIG-Saúde intensificou esta quinta feira o seu calendario de protestas cunha nova xornada de folga na Atención Primaria. Así, o sindicato convocou todo o persoal da Atención Primaria a participar na folga e nunha concentración diante do edificio administrativo da Xunta da Galiza, en San Caetano, na entrada da rúa Anxo Casal, para recordarlle ao presidente Alfonso Rueda que é a súa responsabilidade garantir un sistema sanitario público con recursos, condicións de traballo dignas e unha atención de calidade á cidadanía. A secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón, criticou que malia o compromiso adquirido na anterior xornada de folga, o 26 de marzo, “Sanidade non nos convocou aínda para seguir negociando, incumprindo así as súas obrigas legais. Está claro que a Consellaría non quere negociar coa CIG e así é imposíbel chegar a acordos”. Lembrando que na reunión do 25 de marzo entre o comité de folga e o Sergas non se produciu ningún avance porque a Administración se limitou a escoitar os 23 puntos da táboa reivindicativa da CIG, mais sen facer propostas concretas nin achegar solucións.
Desta forma, e segundo os datos facilitados pola Consellaría de Sanidade, o seguimento da folga de Atención Primaria foi de 1,77% na quenda de mañá da xornada desta quinta feira, sendo esta a segunda xornada neste mes na que a CIG convoca folga pola situación “insostíbel” no servizo de Atención Primaria. A seguinte está prevista para o día 23 de abril.
Detección temperá
Aliás, a santiaguesa María Varela, impulsora dunha iniciativa con máis de 86.000 sinaturas para adiantar a idade das mamografías, mantivo tamén esta quinta feira unha nova reunión no Ministerio de Sanidade. No encontro, o Goberno español trasladoulle o seu compromiso de ampliar o acceso ao rastrexo de cancro de mama dos 45 aos 74 anos —fronte á recomendación actual, situada entre os 50 e 69—, unha medida que podería aprobarse a finais de ano.