As autoridades dan por controlada a mancha de fuel localizada na ría de Arousa

Un anaco de fuel solidificado retirado da ría de Arousa. (Foto: Delegación do Goberno)

A Consellaría do Mar aínda mantén fechado o polígono de bateas coñecido como Ribeira B. Esta decisión responde a unha estratexia preventiva mentres se investiga a afección da vertedura e a súa orixe.

A subdelegación do Goberno do Estado español en Pontevedra da por controlada a expansión da vertedura de fuel que onte foi detectada na ría de Arousa, entre Ribeira e a illa da Rúa. A principal responsábel desta institución, Maica Larriba, mantivo unha reunión con Capitanía Marítima de Vilagarcía, a demarcación de Costas, a Garda Civil e Protección Civil para coñecer a situación actual da contaminación.

Larriba incidiu en que no lugar seguen a traballar catro embarcacións. Tres delas son patrulleiras dos Gardacostas e Salvamento Marítimo mantén alí o remolcador Don Inda.

As tripulacións destes barcos están a actuar con barreiras anticontaminación para reducir o terreo ao que afecta o fuel. De feito, este combustíbel é recollido con sistemas de aspiración e elementos absorbentes.

A subdelegada concretou que tamén se actuou preto da Illa de Ons, onde había “unha mancha máis diluída e de escaso impacto”.

En paralelo a estas actuacións, Capitanía Marítima e o Seprona seguen a investigar onde se orixinou este episodio de contaminación. Fálase até de que “a vertedura puido chegar desde terra”.

Medidas de prevención

Neste contexto, as autoridades prefiren manter activo o Plan Marítimo Nacional ante a contaminación mariña, que está en fase de emerxencia 1. Onte mesmo se estudou pór en marcha outro plan Ribeira para loitar contra o achegamento dos hidrocarburos ao litoral.

Ademais, a Xunta decidiu manter fechado o polígono de bateas Ribeira B. “Trátase dun feche preventivo xa que a mancha en ningún momento chegoulle a afectar”, puntualizan desde a Consellaría do Mar. Hoxe foi un día no que a frota faenou con normalidade, agás na zona afectada.