Outro aumento diario superior aos 100 casos sitúa Galiza con 1.623 activos por Covid

Realización de probas do coronavirus en Burela (Imaxe: Carlos Castro / Europa Press)

A área sanitaria da Coruña sitúase en 960 após rexistrar 39 novos casos.

Continúa o aumento de casos activos na Galiza de máis de cen en cen dun día para outro, nunha dinámica que xa se produce desde hai máis dunha semana e que sitúa a Galiza con 1.623 casos activos.

Desta vez ese incremento de activos en 24 horas foi de 118 casos, máis que na xornada anterior, que aumentou en 105.

A suba na Coruña ralentízase (39 casos activos novos) mais increméntase de forma notábel noutras áreas sanitarias, como a de Santiago, con 24 casos máis; ou a de Lugo, con 23.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 1.623.

Deles 960 son da área da Coruña (39 máis), 136 da de Lugo (+23), 145 da de Ourense (+14), 84 da de Pontevedra (+9), 138 da área de Vigo (baixa 1), 91 da de Santiago (+24), e 69 da de Ferrol (+10).

Do total de pacientes positivos, 5 están en UCI, 55 en unidades de hospitalización e 1.563 no domicilio.

Polo de agora, na Galiza hai un total de 11.657 persoas curadas, rexistrándose 625 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 286.968.

Hai 17 casos activos nas residencias galegas, dos cales 11 corresponden a persoas usuarias e 6 a traballadores e traballadoras destes centros.