Aumentan as persoas ingresadas e os novos contaxios superan o cento

O control da pandemia avanza da man do proceso de vacinación. (Foto: Europa Press).
A contención da pandemia mantense. A incidencia acumulada a sete días permanece estábel mentres se reduce lixeiramente a 14 días.

Os novos contaxios de Covid-19 repuntaron por riba do centenar por primeira vez esta semana. Segundo o último balance facilitado pola Consellaría de Sanidade, o Sergas detectou 105 casos novos. Pola súa banda, os casos activos xuntan 20 días dedescenso continuo e sitúanse en 1.581.

Os pacientes ingresados pola Covid  incrementáronse até os 69, tres máis. En concreto, descenden a 14 os pacientes en UCI, un menos, e aumentan a 55 os que se recuperan noutras unidades de hospitalización, catro máis.

Por áreas sanitarias, os pacientes hospitalizados polo coronavirus minguan na de Pontevedra e O Salnés, mentres que aumentan nas da Coruña e Cee, Ourense, Vigo e Ferrol. Nas de Santiago e O Barbanza e Lugo seguen sen cambios.

Casos activos

En canto aos casos activos de Covid-19, os rexistros reflicten 20 días de descenso continuo. Redúcense até os 1.581 no conxunto da Galiza, 32 menos que a xornada pasada.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden nas de Vigo (-30), Santiago e O Barbanza (-16), Pontevedra e O Salnés (-14) e Ourense (-7); aumentan nas da Coruña e Cee (+27) e Ferrol (+8); e mantéñense sen cambios na de Lugo.

Así, a área de Vigo continúa á cabeza en casos activos, con 386; seguida da da Coruña e Cee, con 361; Lugo, con 208; Santiago e O Barbanza, con 206; Pontevedra e O Salnés, con 157; Ourense, con 155; e Ferrol á cola con 108.

Soben os contaxios

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 detectados situáronse por riba do centenar por primeira vez esta semana ao ascender a 106, unha vintema máis que os confirmados un día antes.

Dos 106 positivos confirmados por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, 43 corresponden á área da Coruña e Cee, 16 á de Vigo, 15 á de Ferrol, 12 á de Lugo, oito á de Santiago e O Barbanza, sete á de Pontevedra e O Salnés e cinco á de Ourense.

Galiza efectuou 2.297.829 PCR desde o inicio da pandemia, 4.019 probas máis que as rexistradas até o día pasado e un centenar menos que as feitas a xornada anterior. Así, a porcentaxe de probas positivas nas últimas 24 horas subiu até perto de 2,6%, aínda por baixo do limiar estabelecido pola  Organización Mundial da Saúde (5%) para dar por controlada esta pandemia. A última vez que Galicia excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

Polo que se refire á incidencia acumulada, a sete días, non ofrece cambios desde hai tres xornadas. Mantense arredor dos 21 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a 14 días, baixa lixeiramente até perto dos 46 casos.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza desde o inicio da pandemia mantéñense en 2.428, ao non notificar a Xunta novas vítimas.

O último óbito deuse a coñecer a pasada cuarta feira, unha muller de 71 anos que permanecía ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) e que padecía patoloxías previas.