Aumentan os pacientes hospitalizados na Galiza pola Covid mentres baixan os novos casos rexistrados

Cribado de Covid-19 realizado en Poio. (Foto: Sanidade)
Os casos activos redúcense lixeiramente a 2.984

Galiza principia a primeira semana sen estado de alarma cun aumento dos pacientes ingresados debido á Covid-19 a 209, 7 máis que a xornada pasada, mentres que os novos contaxios descenderon a 152, que supoñen 37 menos. Pola súa banda, os casos activos reducíronse lixeiramente a 2.984.

Segundo os datos actualizados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18:00 horas deste domingo, aumentan a 46 os pacientes Covid en UCI en Galiza -dous máis- e a 163 os que permanecen noutras unidades de hospitalización -cinco máis-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumentou en catro: Ourense, Pontevedra e O Salnés Lugo e Vigo e mantense nas outras tres: A Coruña e Cee, Santiago e Barbanza e Ferrol.

Os casos activos inician esta semana cun lixeiro descenso a 2.984, que supoñen tres menos que o día anterior, ao haber máis altas (155) que contaxios (152), polo que Galiza encadea catro xornadas consecutivas de descenso.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas ascenden en catro de sete: A Coruña e Cee (+23); Santiago e Barbanza (+6), Ferrol (+5) e Lugo (+1); descenden nas de Vigo (-32) e Pontevedra e O Salnés (-6), mentres que se manteñen na de Ourense.

Esta semana principia cun descenso dos novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba, que caen a 152, o que implica 37 menos que os 189 da xornada anterior.

Galiza confirmou 146 positivos por PCR nas últimas 24 horas, que supoñen 26 menos que os 172 rexistrados a xornada anterior, dos cales 51 corresponden á área da Coruña e Cee; 28, á de Vigo; outros 28, á de Santiago e Barbanza; 15, á de Pontevedra e O Salnés; nove, á de Ferrol; oito, á de Lugo; e sete, á de Ourense.

En canto á taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- incrementou a un 2,3% após caer a un 1,76% na xornada anterior. Así, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.394 persoas diagnosticadas con Covid-19 , sen cambios con respecto á xornada anterior ao non notificar novos óbitos a Consellería de Sanidade.