A Audiencia de Ourense pide a extradición desde Cuba do prófugo condenado por violación a unha alumna
A Audiencia de Ourense emitiu o pasado 31 de outubro un auto de solicitude de extradición desde Cuba de Martiño Ramos Soto, o profesor de Ourense condenado a 13 anos de cárcere por abusar sexualmente dunha das súas alumnas, quen fuxiu antes de entrar en prisión.
Segundo explicaron a Europa Press fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), a Audiencia recibiu información policial de que o prófugo fora localizado en Cuba, polo que o 31 de outubro ditou orde internacional de detención e pediu "inmediatamente" a extradición.Segundo as fontes do TSXG consultadas, a petición de extradición "xa foi tramitada polo Ministerio de Xustiza". Con todo, non existe un tratado activo de extradición con Cuba.
"A Policía xa levaba tempo traballando neste caso en concreto e barallaba diferentes lugares nos que podería estar, pero parece que definitivamente foi localizado en Cuba", asegurou nun audio difundido aos medios o subdelegado do Goberno español en Ourense, Eladio Santos. Segundo detallou a Subdelegación do Goberno, "os últimos datos da Policía confirman que está en Cuba" e a Interpol xa foi notificada, unha información que foi adiantada este domingo por El Español.
O propio subdelegado do Goberno corroborou que "non hai un tratado efectivo e activo de extradición", aínda así, "o Goberno de España e a Policía seguen traballando para que esta persoa cumpra definitivamente a súa condena en España".
Natural de Ourense e de 50 anos, Martiño Soto era profesor en Ourense e foi condenado a 13 anos de prisión por abusos sexuais a unha alumna menor de idade mediante prácticas "sádicas" cando a vítima tiña entre 12 e 16 anos.