Xustiza

A Audiencia Nacional prorroga outros seis meses a instrución do 'Pitanxo' para seguir investigando

Homenaxe aos mariñeiros falecidos do 'Pitanxo' o pasado 17 de febreiro, en Marín. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
O xuíz Moreno viu indicios de 21 delitos de homicidio por imprudencia, imputando o capitán polos mesmos. Tras declarar ante o maxistrado hai xa máis dun ano, impúxoselle a retirada do pasaporte e unha medida cautelar que o obriga a comparecer cada quince días en sede xudicial e permanecer localizado.

O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno, que se encarga da investigación do naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, decidiu prorrogar seis meses máis a instrución do caso co obxectivo de levar a cabo máis dilixencias. Así o notificou a portavoz das familias dos 21 falecidos na traxedia, María José de Pazo, esta sexta feira. Esta decisión chega días despois de que fixese dous anos o suceso, ocorrido en augas próximas a Terranova (Canadá) na madrugada do 15 de febreiro de 2022.

Os familiares viron como "positiva" esta prórroga, debido a que "sempre pediron unha investigación profunda das causas desta desgraza con 21 vítimas". Tras o naufraxio do buque, no que faleceron 21 dos 24 mariñeiros a bordo, comezou unha investigación xudicial debido ás contradicións detectadas entre as versións dos sobreviventes.

En concreto, o capitán do barco, Juan Padín, e mais o seu sobriño, Eduardo Rial, contaron que o motor do Pitanxo parara de forma repentina, quedando o barco á deriva no medio dunha forte tormenta, polo que o mar acabara engulíndoo e con pouca marxe para que os 24 tripulantes puidesen facer algo para salvar as súas vidas.

Con todo, Samuel Kwesi, o terceiro mariñeiro que salvou a súa vida, asegurou que o Vila de Pitanxo enlamara —quedando enganchadas as redes ao fondo do mar—, polo que o capitán tratou de facer varias manobras para solucionar este problema. Así, o barco comezaría a escorar ao non ser capaz de soltarse, entrando auga até que o motor parou, sen escoitar aos mariñeiros que pedían que soltase as redes.

Desta maneira, o xuíz Moreno viu indicios de 21 delitos de homicidio por imprudencia, imputando a Padín polos mesmos. Tras declarar ante o maxistrado hai xa máis dun ano, impúxoselle a retirada do pasaporte e unha medida cautelar que o obriga a comparecer cada quince días en sede xudicial e permanecer localizado.

A investigación continuou até que en maio de 2023 foi enviado un robot para gravar imaxes do pecio. No informe elaborado pola Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), a partir destas imaxes e doutra información recompilada, apúntase a un "erro humano" do capitán como "causa máis probábel" do afundimento do barco.

Ademais, dan por "verosímil" a versión de Kwesi e ven "incongruencias" na de Padín e o seu sobriño, indicando que "a causa máis probábel" de que parase o motor sería a escora do barco, ao contrario do que defendía Padín. Agora, Moreno decidiu prorrogar seis meses máis a instrución do caso para tratar de seguir investigando o ocorrido.