A Audiencia Nacional investiga as protestas pro palestinas na Volta como un posíbel delito de odio

Mobilización contra a participación do Israel Premier Tech na Volta ciclista, o pasado 7 de setembro no Corgo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A denuncia da asociación ultradereitista e pro israelí Acción e Comunicación sobre Oriente Medio (ACOM) diríxese tanto a entidades e partidos políticos como a quen ostenta responsabilidades na organización da Volta ciclista.

O xuíz da Audiencia Nacional (AN) Santiago Pedraz acordou abrir dilixencias por mor da denuncia presentada pola asociación ultradereitista e pro israelí Acción e Comunicación sobre Oriente Medio (ACOM) por presuntos delitos de odio, contra a seguridade viaria, lesións e desordes públicos contra os promotores das protestas contra o equipo Israel-Premier Tech na Volta ciclista.

Así o confirmaron fontes xurídicas, que precisan que o xuíz preguntou á Fiscalía a súa postura sobre se admitir ou non a trámite a denuncia, que se dirixe contra organizacións e partidos políticos que "promoveron activamente a exclusión" do pelotón israelí da competición.

ACOM sinalou a pasada sexta feira nun comunicado que denunciaba porque, "lonxe de tratarse de manifestacións pacíficas", os protestas de cidadáns contra Israel pola ofensiva en Gaza "evidencian accións organizadas de coacción, bloqueos intencionados da calzada e comportamentos temerarios que puxeron en serio risco a integridade física de deportistas, membros da organización, espectadores e forzas de seguridade".

As mobilizacións contra a participación do equipo Israel-Premier Tech na Volta ciclista e en denuncia do xenocidio que o Estado israelí está a cometer en Palestina marcaron esta edición da proba deportiva. Na Galiza, dez persoas foron detidas pola Policía, decenas identificadas por instalar simboloxía palestina na vía pública e a mobilización social conseguiu que a 16ª etapa da proba non chegase á meta, ao colapsar as manifestantes a meta instalada no Alto de San Cosme, en Mos (comarca de Vigo).

Tamén contra dirixentes políticos

Unhas mobilizacións pacíficas que para ACOM son "agresións" que "constitúen un acto sistemático de discriminación por razón de nacionalidade e que vulnera frontalmente os principios de igualdade, neutralidade e seguridade que deben rexer o deporte profesional". A asociación cre que "converter as estradas españolas en escenarios de acoso e linchamento antisemita é inadmisíbel e terá consecuencias legais".

A denuncia diríxese tanto contra os autores materiais como "contra os instigadores e amparadores institucionais". Entre eles sinálanse explicitamente a rede Rescop/BDS e dirixentes e formacións políticas como EH Bildu, Podemos, Esquerda Unida e Sumar, "que promoveron activamente a exclusión do equipo israelí". ACOM incluíu na denuncia a quen ostenta responsabilidades na organización da carreira, incluído o seu director técnico, Kiko García.

Igualmente anunciou que seguirán outras accións legais contra outros políticos como o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, ou a ministra de Mocidade e Infancia, Sira Rego.

Ademais, solicitou á Audiencia Nacional a cancelación inmediata da Volta 2025 como medida cautelar urxente, ante "o risco certo e inminente para a vida e integridade dos deportistas e do público", así como "reforzos extraordinarios de seguridade, prohibición de concentracións nos tramos de carreira e identificación e detención preventiva dos grupos xa implicados nos bloqueos".

A asociación criticou a "forma de antisemitismo" que ao seu xuízo leva a cabo con esta "campaña discriminatoria" contra Israel alentando o "boicot, os desinvestimentos e as sancións" contra o Estado israelí. "Desde ACOM reiteramos o noso compromiso firme e constante: non permitiremos a normalización do odio antisemita nin a estigmatización de xudeus españois ou israelís en España", advertiu.