Atrasada un mes máis a decisión sobre a segunda dose de AstraZeneca

O fármaco de AstraZeneca contra a Covid-19. (Imaxe: Europa Press)

A Comisión de Saúde Pública, na que están representadas as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, decidiu pospoñer a decisión da administración da segunda dose da vacina contra a Covid-19 de AstraZeneca en persoas menores de 60 anos á espera de coñecer os resultados do estudo do Instituto de Saúde Carlos III ( ISCIII) sobre a seguridade e eficacia de poñer no seu lugar unha dose de Pfizer.

Até dentro dun mes non se saberá se será posíbel administrar unha segunda dose da vacina de AstraZeneca a persoas menores de 60 anos ou non.

Máis de 60.000 galegas e galegos, pertencentes aos considerados como colectivos esenciais, entre os que se atopan docentes, bombeiros ou policías, esperan a decisión do Consello Interterritorial de Sanidade, que xa a pasada cuarta feira adiara a hoxe a determinación.

En liña con esta decisión, Ministerio e comunidades acordaron ampliar de 12 a 16 semanas o intervalo entre a primeira e a segunda dose de AstraZeneca para menores de 60 anos que xa recibiron a primeira. No entanto, a última hora de hoxe transcendeu que nun primeiro momento a Xunta votou en contra desta medida.

"Ampliar o intervalo permitirá dispoñer de máis información para poder tomar unha decisión que garanta a seguridade da vacinación tendo en conta o mellor coñecemento dispoñíbel", explica o Ministerio de Sanidade nun comunicado.

Madrid mostrouse "claramente en contra" de que a estratexia de vacinación "sexa detida por este ensaio", alegando "razóns puramente técnicas". "É un ensaio que inclúe 600 pacientes. Os ensaios das vacinas incluíron miles", argumentou na sexta feira en rolda de prensa o viceconselleiro de Saúde Pública e Plan Covid-19 da Comunidad de Madrid, Antonio Zapatero. A posición da Consellaría de Sanidade galega non transcendeu.

A pasada cuarta feira, en rolda de prensa tras o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), a ministra de Sanidade, Carolina Darias, sinalou que "podería merecer a pena esperar" ao ensaio clínico para tomar unha decisión sobre que facer con este colectivo.

Unha decisión "complexa"

"Países como Francia ou Alemaña están a pór xa unha segunda dose de vacinas ARNm, mentres Irlanda ampliou o intervalo a 16 semanas para a mellor toma de decisións. A Axencia Europea do Medicamento (EMA) permitiu que sexa cada país quen tome esta decisión. É unha decisión complexa, a posición dos países indica que hai un debate aberto en Europa. A EMA deu unha opinión, non fechou a discusión. A EMA di que non hai evidencia científica. Iso é xusto o que estamos a tentar facer nós. Ter máis información para tomar a mellor decisión desde a máxima seguridade. É unha decisión difícil e complexa, incluso as persoas expertas teñen os seus pareceres. Creo que hai que esperar", argumentou.

En calquera caso, a ministra mandou unha "mensaxe de tranquilidade" a este grupo que está a esperar a segunda dose: "A primeira dose ten unha eficacia dun 76% fronte ao virus. É posíbel esperar un tempo como fixeron outros países como Irlanda. Temos que garantir que a decisión que tomemos sexa a correcta".

A UE, a pasada sexta feira, desaconsellou administrar un só vial deste fármaco.