Atopan o cranio do veciño de Mazaricos que desapareceu en decembro pasado

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)

O delegado do Goberno remarca que a investigación continúa aberta e que non se desbota ningunha hipótese nin a vinculación con sucesos similares

Efectivos que traballan na investigación da desaparición de Antonio Tuñas, o veciño de Mazaricos (comarca de Xallas) ao que se lle perdeu a pista en decembro do ano pasado, confirmaron á familia que o cranio do home foi localizado nunha pista perto do lugar de Golosfre.

Ratificárono fontes da familia, que explicaron que os investigadores lles transmitiron que o achado e a correspondencia co home de 72 anos foi confirmada mediante as probas de ADN.

As mesmas fontes indicaron que os restos serían localizados nunha pista no límite de Mazaricos e o de Outes (comarca de Noia), e que a investigación continúa aberta.

"Dixéronnos que a ver se a semana que vén pódennos dicir algo máis. Continúase buscando o corpo e como puido chegar ao lugar o cranio", explicaron s.

O vehículo do desaparecido fora achado pouco despois da desaparición en Carballo (comarca de Bergantiños).

Sobre este caso e se hai avances nunha investigación na que se estaría tratando de vincular a desaparición con 'Pandolo', un veciño do desaparecido con antecedentes e que gozaba dun permiso penal cando se produciu a desaparición, foi preguntado o delegado do Goberno, Pedro Branco, esta sexta feira.

Respecto diso, rlanco ratificou que a investigación segue aberta e que non se descarta "ningunha hipótese" nin tampouco a vinculación con outros sucesos similares.

"Hai que deixar traballar ás forzas e corpos de seguridade”, apuntou.