Atopan un corpo flotando e unha embarcación á deriva fronte a Moaña

Porto de Moaña, ao carón do paseo de Domaio. (Foto: Nós Diario)

O bote, que apareceu envorcado entre as bateas fronte a Domaio e Meira, carecía de motor.

Persoal dos servizos de emerxencias rescataron na mañá desta terza feira o corpo dun home sen vida que se atopaba flotando na ría de Vigo fronte a Moaña (O Morrazo).

Foi un matrimonio que se atopaba traballando na zona a que deu a voz de alerta, arredor das 9.00 horas, informando da presenza do cadáver, dun home de 72 anos, e unha embarcación pequena de tipo recreativo envorcada entre as bateas, entre Meira e Domaio, segundo informa o 112 Galiza.

O bote, que carecía de motor, foi remolcado até un pequeno peirao nas inmediacións das instalacións de Rodman.

No operativo participaron o auxiliar do buque María Pita, que trasladou o corpo até o pantalán de Montajes Cancelas, a patrulleira de Gardacostas da Galiza Illa de San Simón, a Garda Civil, a Policía local e a Policía Xudicial.