Atopan en Cervantes o corpo sen vida dun veciño xunto ao seu tractor

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta da Galiza)

O home atopábase traballando nunha leira co vehículo. As primeiras observacións apuntan a que sufriría unha indisposición ou unha caída.

O servizo de emerxencias do 112 Galiza informou de que en Cervantes (Os Ancares) localizouse o corpo sen vida dun veciño xunto ao seu tractor.

Foi pasadas as 21 horas cando o 112 recibiu un aviso dos voluntarios de Protección Civil de Cervantes sobre a suposta desaparición dun veciño que foi a unha leira para traballar co tractor.

Os voluntarios localizaron o home falecido á beira do seu tractor e para acudir até o punto, ademais de profesionais de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, foron mobilizados axentes da Garda Civil.

As causas do suceso están pendentes de ser esclarecidas, aínda que as primeiras observacións non apuntaban a un accidente co vehículo, senón máis ben a unha indisposición ou unha caída.