A Atención Primaria galega irá á folga o 26 de novembro: estes son os motivos

Mobilización o 16 de outubro en Viveiro en defensa da sanidade pública. (Foto: Plataforma en Defensa da Sanidade Pública)

CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UXT anuncian mobilizacións e unha xornada de folga para denunciar o "modelo improvisado e baleiro" coa que o Sergas pretende reorganizar a Atención Primaria.

As catro organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de Sanidade —CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UXT— anunciaron esta sexta feira unha xornada de folga o 26 de novembro e un calendario de mobilizacións en rexeitamento do novo modelo de reorganización da Atención Primaria proposto pola Consellaría de Sanidade.

Segundo explican nun comunicado conxunto, o plan presentado polo Sergas o pasado 17 de outubro, baixo o título Liñas de actuación de recursos humanos en Atención Primaria, é "insuficiente, improvisado e carente de contido real". Os sindicatos denuncian que o documento "non responde ás demandas sindicais nin aos problemas estruturais do sistema".

"A situación da Atención Primaria na Galiza é crítica. O Sergas non pode seguir improvisando nin agochando a falta de planificación detrás de documentos baleiros. O persoal da sanidade pública e a cidadanía merecen respostas serias e inmediatas", afirman as organizacións convocantes da folga no comunicado.

O que reclaman os sindicatos

As centrais sindicais exixen a retirada inmediata do documento presentado pola Dirección Xeral de Recursos Humanos e reclaman unha negociación real que aborde cuestións "fundamentais" como o Plan de Ordenación de Recursos Humanos da Atención Primaria, con prazos e medidas concretas; a definición do modelo asistencial dos sábados pola mañá, "que o Sergas propón ampliar sen consenso" ou a supresión da categoría Facultativo Especialista de Atención Primaria (FEAP) e a reconversión destas prazas en médicos e médicas de familia, garantindo a continuidade laboral das persoas afectadas.

Ademais, reclaman a presentación de datos desagregados por centro de saúde e PAC, que permitan un diagnóstico real da situación; unha análise das ratios de persoal por categorías, adaptada ao grao de desenvolvemento das competencias e das carteiras de servizos; a abordaxe da sobrecarga do persoal administrativo nos centros de saúde e a creación das categorías profesionais necesarias para ofrecer unha asistencia "de calidade e sen demoras"; e a devolución do concurso específico de enfermaría familiar e comunitaria e a elaboración dun plan plurianual para converter as prazas xerais de enfermaría en prazas especializadas, tanto de familia como de pediatría.