A atención á diversidade, a tarefa pendente do sistema educativo do Estado español

Unha aula baleira. (Foto: Louis-Photo)

Até 40% das e dos docentes de Secundaria do Estado español senten estrés ao atender alumnado con necesidades especiais.

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) advertiu de que o principal "talón de Aquiles" en Primaria e Educación Secundaria "é a xestión da diversidade e das necesidades especiais, con coeficientes negativos en ambas as etapas, mentres que a disciplina continúa a ser un factor de risco, sobre todo en Primaria".

Así o reflicte o informe Talis 2024. Estudo internacional da ensinanza e da aprendizaxe, publicado esta terza feira pola OCDE, no que participaron 55 países e 1.013 colexios do Estado español: 507 de Secundaria e 506 de Primaria.

"A disciplina representa un problema en España. O maior factor de estrés para os docentes relacionado coa disciplina é a intimidación e o abuso verbal, que segue existindo en moitas aulas", avisou o director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher, durante a presentación do informe.

Schleicher destacou que, no caso do Estado español, o feito de manter a disciplina é un dos principais factores para que os docentes decidan abandonar o emprego. En todos os indicadores a porcentaxe de docentes estresados supera a media da OCDE. O exceso de traballo administrativo é a principal fonte de estrés docente no Estado español, moi por riba da media da OCDE. Tamén preocupa corrixir e pór notas ou preparar as clases.

Estrés por exceso de tarefas administrativas

En concreto, 66% dos docentes do Estado con máis de dez anos de experiencia sofre bastante ou moito estrés por exceso de tarefas administrativas, fronte ao 53% da OCDE. Ademais, o 55% do profesorado experimentado declara bastante ou moito estrés pola corrección e clasificación de traballos, fronte ao 41% na OCDE.

En canto á disciplina na aula, provoca maior estrés en Secundaria, cun impacto de 0,66 na escala de benestar. En Primaria, a sobrecarga de clases (0,62) e a relación coas familias (0,56) son as principais fontes de estrés docente.

Aliás, en Secundaria 40% do profesorado declara sentir estrés ao atender alumando con necesidades especiais, un valor que se sitúa por riba da media da OCDE (37%) e da UE (39%).

Intelixencia artificial

En canto ao uso da Intelixencia Artificial (IA), Talis 2024 revela que un de cada tres docentes de Secundaria xa utiliza esta tecnoloxía na aula, unha porcentaxe aliñada coa media da OCDE. Non obstante, o uso da IA avanza máis amodo entre os docentes de Primaria, xa que só o 28% deles a utiliza.

Neste sentido, Schleicher manifestou que o Estado español ten unha opinión "máis reservada" respecto do uso da IA en comparación con outros estados. "A IA aínda non é parte da experiencia profesional destes docentes, algo que é necesario cambiar de cara ao futuro. A IA é unha ferramenta que pode axudar á adaptabilidade dos docentes e facer unha diagnose axeitada do estudantado", apuntou.