Atascos nas saídas de Madrid nas horas previas aos confinamentos

Imaxe de arquivo dunha das autovías que saen de Madrid (Europa Press)
As medidas de restrición anunciadas, porén, non entrarán en vigor de inmediato, senón ás 00:00 horas da segunda feira, 21 de setembro.

Desde horas antes de que se concretasen as restricións na cidade de Madrid, co 'confinamento' de varias zonas dos distritos de Carabanchel, Usera, Villaverde, Villa de Vallecas, Puente de Vallecas e Ciudad Lineal, as estradas madrileñas presentaban atascos.

Xa nas primeiras horas da tarde da sexta feira, 18 de setembro, había varios quilómetros de atascos nas saídas da capital española, en moitas avenidas de acceso ás autovías, en gran parte das propias autovías e noutras vías importantes, segundo datos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) recollidos por varios medios.

Segundo o dixital catalán El Nacional, había retencións, por exemplo, na A-6 desde o quilómetro 9 ao 7, na capital, dirección á Coruña; na A-42 entre os quilómetros 26 e 28 sentido Toledo, á altura da localidade de Torrejón de la Calzada; na A-5 cara a Estremadura na saída de Madrid entre os quilómetros 3 e 5 sentido Badajoz; e na A-2 cara a Zaragoza desde o quilómetro 18 ao 25 sentido Madrid, á altura de Torrejón de Ardoz.

Tamén, apuntou o madrileño El Confidencial Digital, a mobilidade era reducida na A-4 a Andalucía e na M-40 en distintos puntos.

Non obstante, as medidas de restrición non entrarán en vigor de inmediato, nin sequera ao longo desta fin de semana, senón ás 00:00 horas da segunda feira, 21 de setembro.

Repítese así en parte o que aconteceu cando o Goberno de España aprobou declarar o estado de alarma o sábado 14 de marzo, mais entrou en vigor na segunda feira 16.