A Asociación de Troiteiros “Río Furelos” denuncia numerosas verteduras ás augas

Río Furelos con verteduras

A asociación cualifica de ineficaces as medidas da Administración así como de incomprensíbeis os vertidos das empresas ao río. Ademais, denuncia que non é a primeira vez que ocorre.

 

O pasado domingo 17 de marzo ás 8:30 da mañá membros da Asociaciación de Troiteiros “Río Furelos” recibiron chamadas alertando dunha “espuma branca arredor das augas do río que procedía do polígono industrial”, segundo explicaron nun comunicado de imprensa.

 

Ao longo da segunda feira, a asociación puña en coñecemento das autoridades e da opinión pública a existencia destes vertidos. A raíz destas denuncias, o goberno local comunicou que ía pór en marcha unha auditoría externa.

 

Aos poucos días, nos medios, comunicábase que a garda civil tiña detectado as dúas empresas responsábeis, mais a Asociación de Troiteiros asegura que “unha semana despois, a auga que chega ao río Furelos segue a estar totalmente contaminada”.

 

Por outra banda, noutro comunicado, o presidente da asociación denunciou que “os vertidos sobre os nosos ríos e/ou os seus afluentes non son cousa de hoxe. A nosa asociación desde o ano 2005 ven denunciando e informando de tal cuestión. O silencio das institucións trasládalle aos delincuentes a idea de que son impunes”.

 

Os membros da asociación manifestan que seguirán “denunciando este tipo de actuacións que resultan tan incomprensíbeis, non só por parte de quen as provoca, senón pola ineficacia que está a mostrar a Administración para resolver un problema tan evidente e tan concreto”.