Delito ecolóxico

A Asociación Pola Defensa da Ría denunciará o secado da lagoa de Lourido ante SEPRONA e Costas

Lagoa de Lourido (Asociación Pola Defensa da Ría)

Após descubrir labores destinados a drenar a lagoa que se forma de maneira natural na praia de Lourido (Poio), a Asociación Pola Defensa Ría tomará cartas no asunto presentando denuncia para que se estuden os feitos.

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) denunciou o pasado sábado 7 de decembro a través das súas redes a observación de labores destinadas a desecar unha lagoa presente na parte posterior da praia de Lourido (Poio).

“Polo que puidemos coñecer, tense feito xa en anos anteriores”, declaran desde a APDR

As ecoloxistas declaran ter detectado a presenza dunha pala mecánica “coa que se está a abrir unha canle para liberar a auga cara ao mar”. Segundo declaran, non se trata dun feito illado: “Polo que puidemos coñecer, tense feito xa en anos anteriores”.

Esta lagoa fórmase na parte posterior da praia durante a tempada de inverno, recollendo auga da choiva, e serve de acubillo a multitude de especies animais.

Aínda que desde a APDR descoñecen “quen é o responsábel”, afirman que “é de supoñer que se trate dunha decisión do Concello de Poio, un aspecto que está por confirmar”.

Con todo, insisten en sinalar que “a intervención con maquinaria pesada sobre unha zona natural como a que nos ocupa, situada no litoral e, xa que logo, pertencente ao dominio público marítimo-terrestre, precisa do permiso previo de Costas do Estado”.

“Trátase dun caso de delito ecolóxico que hai que non pode quedar impune”, declaran con contundencia

Nestas circunstancias, a APDR afirma en que non dubidará en presentar denuncia diante do Servizo de Costas do Estado e no SEPRONA para que se abran investigacións sobre o acontecido.

A este respecto, expresan con contundencia que se trata “dun caso de delito ecolóxico que hai que perseguir e que, con independencia de quen teña cometido a infracción, non pode quedar impune”.