DI A ASOCIACIóN GALEGA PARA A DEFENSA DA SANIDADE PúBLICA

As listaxes de espera amosan o deterioro da sanidade pública

sanidade_capa_pequena

As listaxes de espera nos hospitais públicos galegos poñen de manifesto “o deterioro” do sistema pola “política de recortes e privatizacións”. Así o denunciou hoxe a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública.

Logo de que esta sexta feira (31 de xullo) o Sergas publicara que a demora media para operarse nos hospitais públicos de Galiza baixou a 64,8 días en xuño de 2015, un día menos que no mesmo mes do ano pasado, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública aproveitou para denunciar “o aumento da desinformación polas autoridades sanitarias”. E é que agora, din, as listaxes de espera son publicadas cada seis meses en lugar de cada tres.

Segundo declaracións recollidas por Europa Press, a asociación denuncia que “seguen a ocultarse” os datos dos pacientes en espera non estrutural que, segundo as súas estimacións, poderían duplicar as cifras oficiais, especialmente no caso de Vigo”. Esta medida, sinala, “pretende ocultar” os efectos sobre a espera cirúrxica do peche de camas durante o verán.

A Asociación considera que a demora media cirúrxica de 72,2 días “segue a ser intolerábel” e argumenta que “supoñen 16 días máis dos 60 marcados pola Lei de Garantías Sanitarias”.

Forte presión nas urxencias

A entidade tamén chama a atención sobre os datos dos servizos das urxencias, que asistiron no semestre 490.000 pacientes, unhas cifras “con tendencia a aumentar”. Isto revela a “enorme presión que soportan as urxencias hospitalarias como consecuencia das longas listaxes de espera ou dos recortes na Atención Primaria”.