Sputnik Labrego inicia unha campaña para recuperar a mina de volframio que os nazis dirixían en Valdeorras
A Asociación Científica Sputnik Labrego, en colaboración co Albergue Eco dos Teixos e a Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira, poñen en marcha unha campaña para recadar recursos co obxectivo de recuperar a mina de volframio Valborraz, situada nos montes de Trevinca, un espazo moi afectado polos incendios do pasado mes de agosto, chegando a destruír gran parte das teitumes dos edificios que aínda se conservaban.
"Os lumes deste verán foron o último paso dunha longa serie de afeccións que afectaran esta mina dende o seu abandono definitivo nos anos 70", explica Carlos Tejerizo, presidente de Sputnik Labrego, quen alerta do risco "de perdermos este enclave único para sempre".
A mina de Valborraz foi unha das ducias de zonas de extracción de volframio durante os anos 40 e 50, momento no que este mineral foi estratéxico para a fabricación de material bélico. Con todo, Valborraz destacou non só pola cantidade de mineral extraído, sendo unha das máis potentes no contexto da Segunda Guerra Mundial, e a única xestionada pola Alemaña nazi.
Segundo destaca Sputnik labrego nun comunicado remitido aos medios, Valborraz foi tamén sede dun dos Destacamentos Penais máis relevantes da contorna, vivenda de centos de prisioneiros provenientes da Guerra Civil Española. "Os estudos desenvolvidos por historiadores como Isidro García Tato ou Tomás Terrón Mendaña e os nosos traballos arqueolóxicos e antropolóxicos de recollida de memorias vencelladas á mina amosan a súa singularidade e a necesidade de protexelo como un patrimonio único que podemos perder", insiste Tejerizo.
A asociación aclara que a campaña que agora poñen en marcha ten un "dobre obxectivo". Por unha parte o de obter recursos "para investir na conservación e potencial restauración deste sitio único", mais tamén, "e quizais máis importante, chamar a atención das administracións competentes para que non deixen morrer esta contorna histórica, onde tantas historias tiveron lugar e que poden quedar queimadas e enterradas para sempre".