A Asociación Abeiro inaugura o primeiro banco de alimentos para animais

A Asociación Abeiro abre un banco de alimentos para animais [Imaxe: Abeiro].
Desde hoxe, contarán cun punto de distribución, tanto para doazóns como para recollida, situado no local Interprof, na rúa Irmáns Rei Alvite número 1, en Compostela.

A asociación pola protección animal Abeiro é una entidade compostelá que ten como fin principal o de rescatar cans e gatos da rúa, buscándolles mellores fogares, así como a xestión de diversas colonias felinas da cidade compostelá.

Perante a actual situación social de crise sanitaria, desde Abeiro detectaron que “moitas familias teñan dificultades para afrontar as súas necesidades máis básicas”. “Moitas das persoas que perderon os seus traballos ou viron diminuídos os seus ingresos conviven con animais, que forman parte do seu núcleo familiar”, explican en nota de prensa. “Estamos vendo que moitas familias non poden adquirir pensos para alimentalos nin pagar gastos veterinarios básicos”, engaden.  

Por todo isto, decidiron botar adiante unha campaña de recollida de penso para a súa distribución entre aquelas persoas con dificultades económicas, co afán de axudar “a levar este momento tan duro para tanta xente, e evitando que aumente o número de abandonos”, sempre crecente en épocas de verán. “Somos unha asociación moi modesta”, afirman, “sen apenas recursos e sen subvencións públicas”, polo que sobreviven con base no traballo voluntario e grazas ás achegas por parte de socios e socias, simpatizantes e “de nós mesmos”. 

Punto de distribución

Desde onte, contan cun punto de distribución, tanto para doazóns como para recollida, situado no local Interprof, na rúa Irmáns Rei Alvite número 1. Deste modo, todas aquelas persoas que precisen comida para os animais cos que conviven poden pasar a retirala desde xa mesmo, e, igualmente, aquelas persoas que queiran colaborar e doar algún saco de penso, latas etc, poderán facelo no mesmo punto. Para máis información, podes consultar a súa web en http://asociacionabeiro.org/