Así é calor de hoxe nas sete cidades: dos 8 graos máis do normal nestas datas en Vigo a un Ourense que abeira os 42º
O mapa da calor da Galiza rexistra dúas ‘anomalías’, dous concellos onde vai menos calor do habitual nestas datas: Camariñas e Muxía.
O sur da Galiza continúa esta terza feira baixo a vaga de calor. O mapa de predición de episodios de calor por zona elaborado por Meteogaliza sitúa para esta terza feira as Rías Baixas en nivel vermello por altas temperaturas, un nivel que partilla con parte da comarca de Valdeorras.
Hai, pois, dúas Galizas, unha ao sur, na que as temperaturas están en rexistros por riba do normal; e outra ao norte, onde esa situación non é tan extrema. O mapa da calor por concellos permite comprobar cal é a situación nas sete principais cidades galegas e comparala co normal nestas alturas do ano.
Así, en Vigo estamos ante “un día cálido para a data” na que nos atopamos. A temperatura máxima vai ser de 34,9 graos ‑o que supón 8º máis do normal- e a mínima de 21,7, o que é 4,6 máis do habitual nestas alturas do ano, segundo o mapa elaborado por RTVE. Unha xornada de “risco medio para a saúde”.
Na Coruña as temperaturas van entre os 25º e os 16,9º. A difererencia de temperatura en comparación cos rexistros nesta data de anos anteriores é só de +1,6 na temperatura máxima e +0,1 na mínima. É un “día algo cálido”, segundo estipula o mencionado mapa.
Ourense continúa a liderar as altas temperaturas na Galiza. Agarda para esta terza feira unha máxima de 41,6º, o que supón nada máis e nada menos que 9,2 graos por riba do que debería de ser o normal. Un día “moi cálido”, se ben con “risco medio” para a saúde.
30,9º de máxima é o que se espera para esta terza feira en Compostela -5,3 graos máis do habitual-, mentres a mínima está fixada en 15,5 -1,8 máis do normal-. En Pontevedra, o día vai ser “moi cálido” e con máximas por riba dos 36 graos, o que é 9,4 máis que o normal nestas datas noutros anos. Até as mínimas tamén son sensibelmente máis altas: 21,5º, 5,8º por riba do habitual a estas alturas.
En Lugo marcarase de máxima 35,1 graos (+7,6) e en Ferrol será de 30,2 (+5,6º por riba do normal).
As dúas excepcións
Nun mapa de calor que rexistra na inmensa maioría dos concellos galegos temperaturas máis altas do normal, hai dúas excepcións: Camariñas e Muxía, a primeira na Terra de Soneira e a segunda na comarca de Fisterra.
En Camariñas a máxima prevista é de 18,9, o que supón -1,8º en comparación do habitual nestas datas en anos anteriores. En Muxía a máxima é tamén de 18,9, e case 2 graos menos que o normal.