As aseguradoras aceptan pagar a Pesquería Nores 5,1 millóns polo naufraxio do 'Vila de Pitanxo'
A sentenza que obriga tres aseguradoras a indemnizar con 5,1 millóns de euros a Pesquería Nores pola perda total do Villa de Pitanxo xa é firme. As partes comunicaron ao Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra que alcanzaron un acordo para o pagamento das cantidades decretadas, ratificando unha resolución que acreditara que o pesqueiro cumpría todas as inspeccións e documentación exixidas e que, polo tanto, o seu afundimento debía estar plenamente cuberto polas pólizas.
A sentenza que condena tres aseguradoras a indemnizar con 5,1 millóns de euros a Pesquería Nores, armadora do Vila de Pitanxo, vén de adquirir firmeza despois de que todas as partes procesuais comunicaran ao Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra que alcanzaran un acordo para o pagamento das cantidades fixadas, incluídos intereses e custes. Así o confirmou esta terza feira o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.
A resolución, emitida o 31 de xullo, estimara integramente a demanda da armadora e concluíra que o naufraxio do pesqueiro —afundido en febreiro de 2022 en Terranova, con 21 mariñeiros mortos e só tres superviventes— está cuberto polas pólizas contratadas. A xuíza considerou acreditado que o buque contaba con todas as inspeccións, certificados e documentación en regra, e que non existía incumprimento normativo algún que permitira ás aseguradoras eximirse de responsabilidade.
Mapfre deberá aboar 3,1 millóns; a Sociedade de Seguros Mutuos Marítimos de Vigo, 1,03 millóns; e a Mutua de Seguros de Armadores de Buques de Pesca, outros 1,03 millóns. Ningunha das alegacións formuladas polas compañías prosperou: nin a falta de inspeccións, nin a sobrecarga de combustíbel, nin que o barco navegara cunha escora previa ao afundimento.
A maxistrada foi contundente ao sinalar que estas propostas carecían de base documental ou técnica e que os peritos ratificaron que o Pitanxo superara múltiples revisións en Capitanía Marítima e na sociedade de clasificación Bureau Veritas días antes da súa última saída ao mar. Incluso a presenza do pesqueiro en zonas non autorizadas por formación de xeo non exclúe, segundo a sentenza, a cobertura da póliza.
Ao facerse firme a condena, as aseguradoras deberán proceder ao pagamento inmediato das indemnizacións pactadas coa armadora. Queda tamén asentado, en termos xurídicos, que a responsabilidade civil derivada da perda total do pesqueiro non admite exclusión salvo proba concreta de causa non cuberta, algo que, subliña a resolución, non se produciu en ningún momento do proceso.