Ascenden a seis os detidos no operativo antidroga da Arousa no que caeu Vidal Padín 'El Burro'

O narcosumbarino localizado o pasado ano na ría de Arousa. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
A Policía vincula 'El Burro' coa aparición de dúas planadoras varadas nas costas de Ribeira en febreiro do ano pasado e co narcosubmarino localizado a unha milla do litoral de Vilaxoán poucas semanas despois.

O operativo conxunto entre Policía Nacional, Garda Civil e Servizo de Vixilancia Aduaneira contra o narcotráfico que 'explotou' esta terza feira na zona de Arousa saldouse, polo momento, con seis persoas detidas, entre as que figura Juan Manuel Vidal Padín, alias 'El Burro', e tres planadoras incautadas—polo menos unha delas en fase de construción.

Segundo informou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, en declaracións aos medios, as investigacións seguen abertas e, á marxe das detencións e as incautacións xa efectuadas, os rexistros continuaban aínda nas últimas horas. As actuacións están dirixidas polo xulgado de instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa (O Salnés), se ben non está previsto que os arrestados pasen a disposición xudicial esta mesma cuarta feira.

Branco trasladou a súa felicitación ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado polo seu traballo no desmantelamento deste tipo de organizacións criminais vinculadas ao narcotráfico e pola súa resposta "altamente satisfactoria", e confirmou que, neste caso, as investigacións viñéronse desenvolvendo ao longo de máis dun ano.

Así, as forzas policiais vinculan 'El Burro' coa aparición de dúas planadoras varadas nas costas de Ribeira en febreiro do ano pasado e co narcosubmarino localizado a unha milla do litoral de Vilaxoán poucas semanas despois.

O operativo policial despregado nas últimas horas culminou con esas seis detencións, ademais de varios rexistros, entre eles o dunha nave en Vilaxoán, propiedade de 'El Burro', empresario arousán que está no punto de mira dos investigadores desde hai anos polas súas presuntas vinculacións co narcotráfico e o branqueo de capitais.

As pescudas intensificáronse após a aparición das planadoras en Ribeira e, pouco despois, do narcosubmarino bautizado como Poseidón. O batiscafo foi atopado semiafundido por un mariñeiro e, unha vez trasladado a terra, comprobouse que estaba baleiro, aínda que os investigadores determinaron que tiña capacidade para transportar uns 5.000 quilos de cocaína.

A pasada semana, as forzas policiais actuaron tamén contra unha rede encargada da construción e transporte de planadoras semirríxidas, nun operativo con dez persoas implicadas, e no que se interviñeron moldes para construír 'narcolanchas' e un camión para o seu transporte.