O asasino de Beatriz Lijó recoñece os feitos e acepta 25 anos de cárcere

Ángel Rodríguez. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
Ademais da pena de prisión, o acusado, Ángel Rodríguez, foi condenado tamén a indemnizar nun total de 525.000 euros os seus fillos e os irmáns da falecida. Aliás, non poderá residir en Baiona durante 30 anos nin comunicarse ou achegarse a menos de 500 metros dos seus fillos.

A sección quinta da Audiencia provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou Ángel Rodríguez a un total de 25 anos de prisión como autor dun delito de asasinato e de dous delitos de lesións psíquicas graves, tras recoñecer nunha vista de conformidade que matou a súa ex muller, Beatriz Lijó diante dos dous fillos de ambos, no domicilio dela en Baiona (comarca de Vigo), en febreiro de 2023.

O maxistrado declarou firme a sentenza tras manifestar as partes que non teñen intención de recorrela. Ademais das penas de prisión, o acusado foi condenado tamén a indemnizar nun total de 525.000 euros os seus fillos e os irmáns da falecida.

A condena inclúe tamén a prohibición de residir na localidade de Baiona durante 30 anos, a perda da patria potestade e a prohibición de comunicarse ou achegarse a menos de 500 metros dos nenos.

Unha vez decorrida esta vista e impostas as penas, xa non será necesario celebrar o xuízo que estaba sinalado para a próxima semana, con tribunal de xurado, para axuizar estes feitos.

O crime

O crime sucedeu a comezos de 2023, cando Ángel, profesor nun instituto de Redondela, chegou a casa da súa ex parella, en Baiona, para entregar os seus fillos. O corpo da muller apareceu no acceso á vivenda, e presentaba múltiples cortes e picadas, así como, polo menos, un forte golpe na cabeza.

Tras o ataque, o sospeitoso levou os seus fillos, que presenciaron o ocorrido, á casa do seu pai, onde un dos menores relatou ao avó que o seu proxenitor matara á súa nai. Despois de deixar os nenos, Ángel marchou e, horas despois, entregouse na Comisaría de Policía Nacional de Ourense, xa a segunda feira pola mañá.

A autopsia realizada ao corpo de Beatriz desvelou que sufriu numerosos cortes e picadas por todo o corpo (mans, brazos, pernas, tórax e costas), un desas picadas coa profundidade suficiente como para afectarlle ao fígado. Así mesmo, sufriu polo menos un golpe mortal na cabeza.

Os indicios apuntan a que neste ataque utilizáronse polo menos dúas armas: un coitelo de pequenas dimensións que foi localizado xunto ao corpo da muller, e outra arma máis contundente, tipo machada, que non foi encontrada.