Suceso

Asaltan a residencia DomusVi de Bembrive para roubar ante a carencia de servizo de seguridade

Imaxe das instalacións de DomusVi en Outeiro de Rei. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia e as Traballadoras de Residencias da Galiza denuncian que polas noites só quedan tres ou catro persoas do cadro de persoal encargadas de 150 residentes e o seu traballo non é vixiar os accesos. Malia que a Policía Local non confirma nin desminte a información de onte, non é a primeira vez que se dan roubos nesta instalación afastada do centro da cidade.

A residencia DomusVi de Bembrive, en Vigo, sufriu un asalto a pasada noite. É polo menos o que puido saber o presidente da Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia (REDE), Paulino Campos, que o denunciu a través das redes sociais. A Policía Local de Vigo non puido confirmar tal feito porque non se facilitan os partes das distintas quendas, pero a información parece verídica tendo en conta que non é a primeira vez que se produce un roubo nese xeriátrico en concreto.

Campos, indica que as 150 persoas usuarias da residencia están no medio do monte e sen gardas de seguridade, polo que foi máis ou menos sinxelo realizar o asalto na procura de cartos ou xoias das residentes. No entanto, descoñécese se o roubo saíu ben porque había forzas de seguridade desprazadas ao lugar onte á noite.

O responsábel de REDE culpabiliza tamén á Xunta desta situación de indefensión por parte das traballadoras e as e os maiores porque este xeriátrico é de titularidade pública pero está en mans de DomusVi por unha concesión.

Pola súa banda, a voceira das Traballadoras de Residencias da Galiza, Sonia Jalda, recoñece que non sería raro que se producise un asalto, tal e como di Campos, dado que ela os viviu traballando alí. Entende que a situación do centro "no medio do monte" e a falta de seguridade o facilitan. Ademais, con unha enfermeira de dous ou tres auxiliares por noite, é moi difícil que vexan entrar a ninguén mentres atenden ás e aos usuarios.

Unha residencia no punto de mira

Esta situación volve destapar as dubidosas prácticas da multinacional DomusVi, pois según Jalda a falta de persoal fai que a xente sexa atendida nunha situación de "precariedade". "O turno da noite ten que levantar a xente ás seis da mañá, e romperlle o sono, para comezar coas duchas e quitarlle traballo á nova quenda", revela, sobre as circunstancias nas que viven as persoas uisuarias e o cadro de persoal. Tacha esta medida de "maltrato".

Malia que tanto Campos como Jalda inciden en que o descoido dos maiores pola noite é unha práctica case institucionalizada na maioría dos centros da Galiza, hai lugares que non están "polo negocio" que coidan mellor das e dos residentes.

No caso de Bembrive chegou a haber denuncias das propias empregadas á Administración porque hai uns anos, cando existía Geriatros antes da fusión que deu lugar a que DomusVi controle 30 destas infraestruturas no país. Eses documentos xurdiron porque Geriatros roubaba material médico e da farmacia hospitalaria para levar a outros centros privados que tamén xestionaba o mesmo grupo.

Jalda di ter probas diso."Cando se avisou viu a xefa de farmacia do Sergas e exixiu a devolución de todo o material para non ir á Fiscalía". Finalmente o material regresou, pero após o intentara roubar a propia concesionaria en furgonetas doutras instalacións e polas noites. No entanto, afirma que tamén se incrementan as facturas ás familias e que nalgúns casos o puido comprobar de primeira man.