Arteixo Telecom presenta un plan que deixa sen traballo a case a metade do persoal

Arteixo Telecom

A empresa quere baixar un 20 por cento o soldo aos 51 operari@s que quedarían na factoría de As Pontes, onde se producirían 46 despedimentos dous anos despois da aplicación dun ERE.

 

A empresa adicada á electrónica Arteixo Telecom presentou un “plan de viabilidade” que suporá o despedimento de 46 traballadores e traballadoras, quedando así reducido o persoal a 51 persoas, que ademais verán minguados os seus salarios. Arteixo Telecom está en concurso de acredores desde o mes de maio. A proposta foi remitida á representación sindical.

A empresa xa aplicara un expediente de regulación de emprego, que reducía a xornada laboral, en 2011 e ano seguinte prexubilou a 22 empregad@s, se ben os sindicatos denunciaron despedimentos que non foran acordados.

Agora, a dirección fala dunha “necesaria adecuación dos salarios” a niveis que permitan “que a oferta da empresa sexa competitiva no mercado”, para o que se prevé unha “redución lineal do 20% para todo o persoal”, ademais da eliminación doutros gastos laborais non salariais, como a supresión do servizo de autocar desde A Coruña ou a eliminación de servizos externos de recepción ou vixilancia, que pretenden que sexan atendidos pol@s propi@s operari@s.