Arquivan a causa contra os cargos do Sergas investigados pola morte de pacientes con Hepatite C

Para a Plataforma de Afectadas pola Hepatite C da Galiza o arquivo e as razóns que no mesmo se expoñen por parte do Instrutor “non se corresponden co que se evidenciou” no transcurso do procedemento aberto no xulgado.

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela decretou o sobresemento provisional da causa e arquivo das actuacións respecto dos cargos do Sergas (Félix Rubial e Carolina González-Criado) investigadas como presuntas responsábeis de delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e prevaricación por supostamente non facilitar o tratamento a pacientes de Hepatite C.

"Non podemos afirmar que a morte ou falecemento dos pacientes sexa imputábel causalmente aos investigados", indica o fallo, do que informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Nel, engádese que "o falecemento sobreveu por causas alleas á demora, omisión ou dilación na tramitación das peticións ou solicitudes de aplicación dos novos fármacos".

O xuíz Andrés Lago Louro destaca que os medicamentos "estaban aínda en fase case experimental e cuns resultados que aínda eran incertos, de aí a necesidade de que as autoridades sanitarias deseñasen mecanismos ou procedementos destinados a precisar con sumo coidado aqueles casos nos que estaría indicada a súa aplicación".

Desacordo da Plataforma de Afectadas

Para a Plataforma de Afectadas pola Hepatite C da Galiza o  arquivo e as razóns que no mesmo se expoñen por parte do Instrutor “non se corresponden co que se evidenciou” no transcurso do procedemento aberto no xulgado. “Ao contrario, o coñecemento de determinados feitos e documentos que tivemos no transcurso deste proceso reafírmanos na nosa opinión de que as cousas non se fixeron como deberan”, explica o voceiro da Plataforma, Quique Costas.