Arde unha nave de produtos fitosanitarios en Vilagarcía e obriga a desaloxar 22 vivendas próximas

Central de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: 112)
O fogo obriga a realizar desvíos na N-640 e a Xunta activa o Plan Territorial de Emerxencias da Galiza.

O interior dunha nave de produtos fitosanitarios situada en Vilagarcía de Arousa (O Salnés), que corresponde ás instalacións de Impex Europa (un fabricante de raticidas, insecticidas e mosquicidas, entre outros produtos), comezou a arder na mañá deste sábado. Numerosos efectivos de extinción traballan actualmente en apagar o lume, que permanece controlado no seu perímetro desde o mediodía.

Polo de agora, non hai afectados, xa que non había persoal laboral dentro no momento do incendio. Con todo, segundo traslada o 112 Galiza, procedeuse ao desaloxo dun total de 22 vivendas: sete delas debido ao fume e as restantes pola proximidade ao incendio, o que supón entre 30 e 40 persoas evacuadas.

Ademais, a Garda Civil informa de que se produciron cortes na estrada, o que levou a un desvío da circulación en sentido Vilagarcía de Arousa da N-640, no seu quilómetro 234, á altura da incorporación cara ao Hospital do Salnés.

Mobilización de efectivos

Ao redor das 11 horas, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) recibiu o aviso dun particular, que alertou do fogo nestas instalacións, situadas na avenida de Pontevedra do municipio arousán. Neste contexto, a Xunta da Galiza activou o Plan Territorial de Emerxencias da Galiza (Platerga), que permite a mobilización de recursos de ámbito local e supralocal co fin de facer fronte á situación de risco e garantir unha reposta e eficaz coordinada.

Polo de agora, até o lugar desprazáronse efectivos de bombeiros de Vilagarcía, Ribadumia, Baixo Miño e da Consellaría do Medio Rural, así como persoal de Emerxencias de Vilagarcía e do Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), que mobilizou unha cisterna de gran capacidade. Ademais, acudiron patrullas da Policía e da Garda Civil.

Unha vez o fogo estivo controlado no seu perímetro, procederon a entrar na nave para apagalo por dentro, segundo trasladaron os medios desprazados ao 112 Galiza ao redor das 17 horas. Á parte de traballar na extinción do incendio, realizaron medicións na calidade do aire, ao tratarse dunha nave con produtos químicos, cuxos resultados foron correctos.

Por outra parte, o 112 deu aviso de igual forma ao servizo de Urxencias Sanitarias. Polo de agora non foi necesaria a súa intervención, xa que non hai persoas afectadas ao estar baleiras as instalacións no momento de inicio do incendio.

Recomendacións sanitarias

Así mesmo, como consecuencia do fogo, a Consellaría de Sanidade informa de que o fume orixinado pode causar irritación dos ollos e da garganta ou dor de cabeza. Tamén pode irritar o sistema respiratorio e agravar a situación daquelas persoas que padecen enfermidades cardíacas e pulmonares crónicas, o que ocasiona dificultade para respirar con normalidade, tose seca ou con flegma, respiración con asubío, falta de aire ou molestas no peito.

As principais recomendacións para protexer a saúde son, entre outras, limitar a exposición ao fume, abandonar a área se se trata dunha das persoas que corren un maior risco por culpa da inhalación de fume e estar atento ás noticias ou alertas de saúde relacionadas co incendio.

De permanecer dentro de casa, aconsella manter o aire interior "tan limpo como sexa posíbel", así como manter portas e xanelas fechadas e usar o aire acondicionado en caso de contar con el. No caso de persoas con asma ou outra enfermidade pulmonar (un dos colectivos de maior risco, ademais de nenos e nenas, mulleres embarazadas e persoas maiores de 65 anos), pide que se aseguren de tomar todo os seus medicamentos ou chamar ao seu médico ou ao 061 se os seus síntomas empeoran.