Obriga de rexistrarse

De Aragón a Bélxica e de Portugal a Estados Unidos: as 'zonas de risco' para a Xunta

Test coronavirus (Imaxe: Europa Press).

O DOG publica a resolución que determina aqueles territorios dos que as e os viaxeiros que procedan teñen que proporcionar os seus contactos a Sanidade.


 


 

Todos os viaxeiros e viaxeiras que cheguen a Galiza, tras permanecer dentro do período de 14 días anteriores á súa chegada en territorios que posúan unha incidencia epidemiolóxica 3’5 veces superior á de Gaza, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes no noso país ou non.

O DOG desta terza feira publica a listaxe deses territorios:

a) En calquera dos países do continente africano.

b) Nos seguintes territorios do continente americano: Arxentina, Bahamas, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, República Dominicana, Ecuador, El Salvador, Guatemala, Honduras, México, Montserrat, Panamá, Paraguai, Perú, Porto Rico, San Vicente e As Granadinas, St Martin, Surinam, Illas Tartarugas, Estados Unidos, Illas Virxes, Venezuela, Haití, Xamaica e Nicaragua.

Nos seguintes territorios de Asia: Bahrein, Bangladesh, India, Irán, Iraq, Israel, Kazakstán, Kuwait, Kyrguistán, Líbano, Maldivas, Omán, Palestina, Filipinas, Qatar, Arabia Saudí, Singapur, Emiratos Árabes, Uzbequistán, Afganistán, Bután, Brunei, Camboxa, Indonesia, Laos, Mongolia, Myanmar, Nepal, Paquistán, Siria, Tailandia e Vietnam.

d) Nos seguintes territorios de Europa: Albania, Andorra, Armenia, Austria, Acerbaixán, Belarús, Bélxica, Bosnia-Hercegovina, Bulgaria, Croacia, República Checa, Kosovo, Luxemburgo, Moldavia, Mónaco, Montenegro, Macedonia do Norte, Portugal, Romanía, Rusia, Serbia, Suecia e Ucraína.

e) Nas comunidades autónomas de Aragón, Cataluña, Nafarroa, Euskadi e A Rioxa

As persoas que visiten Galiza, terán un espazo de tempo de vintecatro horas, desde a súa chegada, para comunicar os seus datos de contacto, un trámite que terán que realizar cada un dos viaxeiros.

Para proporcionar esta información, poderase cubrir o formulario que estará dispoñible na web https://coronavirus.sergas.gal/ ou subministrar os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21.

A todos os viaxeiros faciltaráselles un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía, ben a través do seu médico de cabeceira se son residentes con tarxeta sanitaria en Galiza, ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aqueles que non dispoñan dela.

Tamén se lles proporcionará información e recomendacións sanitarias e poderán adoptarse as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se consideren necesarias. Así, por exemplo, no caso de persoas que veñan de territorios cun risco máis alto, independentemente de que teñan sintomatoloxía ou non, podería promoverse a realización dunha proba diagnóstica.

Os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida aos seus clientes; así como os responsábeis de axencias de viaxe, operadores turísticos, compañías de transporte aéreo ou marítimo e outros axentes similares ao inicio do proceso de venda dos billetes. Así mesmo deberán facelo ás empresas, que despracen aos seus traballadores por motivos laborais.