Xustiza

Aprazado o xuízo ao ex alcalde do PP 'Nené' Barral por unha causa de contrabando de 2001

A causa pola que se investiga 'Nené' Barral é de hai dúas décadas. (Foto: Europa Press)
Barral fora alcalde de Ribadumia até o seu arresto en maio de 2001 por mor da causa de contrabando de tabaco, suborno e asociación ilícita pola que agora será xulgado.

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra vén de aprazar o xuízo sinalado para a vindeira terza no que se ía xulgar José Ramón 'Nené' Barral, quen fora alcalde de Ribadumia polo Partido Popular e que, xunto a outras once persoas, está acusado de contrabando de tabaco, suborno e asociación ilícita nunha causa que cumpre xa 21 anos.

Fontes oficiais do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) confirmaron que o adiamento foi consecuencia da enfermidade dun dos intervenientes, o que impide que decorra a vista oral.

A investigación da que procede esta causa foi dirixida polo xuíz José Antonio Vázquez Taín na súa etapa en Vilagarcía de Arousa, por mor duns feitos que arrincaron en 1996 e que desembocaron na incautación de catro contedores con 432.000 paquetes de tabaco ilegal no porto de Vigo. 'Nené' Barral foi detido en relación con este procedemento en maio de 2001, un arresto que forzou a súa dimisión como alcalde de Ribadumia co PP.

A Fiscalía pide para o ex rexedor, que xa foi condenado por fraude fiscal, unha pena de dez anos e medio de prisión e que abone unha multa de 15 millóns de euros pola súa "actividade continuada introducindo no Estado español e en Europa tabaco de procedencia extracomunitaria", tanto por vía marítima como terrestre, a través de dous pesqueiros e un buque mercante.

O Ministerio Público considera que 'Nené' Barral era o líder no Estado dun grupo "organizado, estábel con proxección internacional, e delimitada asignación de tarefas e xerarquización entre os seus membros". Unha organización criminal da que tamén formaban parte outras persoas "de nacionalidade portuguesa, holandesa, suíza, croata, norteamericana, inglesa e polaca".

Segundo o fiscal, entre 1996 e a desarticulación do grupo en maio de 2001, traballaron "coa finalidade de procurar a introdución en España e no territorio da Unión Europea de importantes partidas de labores de tabaco de procedencia extracomunitaria, por vía marítima e terrestre, así como a través de contedores".

O mando desta asociación, di Fiscalía, era asumido por Barral, que ostentaba "a máxima capacidade de decisión nese grupo en territorio español", proxectando, planificando e dirixindo os labores para desempeñar polos demais compoñentes da mesma. Entre os acusados figura Feliciano Barral, irmán de 'Nené', tres axentes de Vixilancia Aduaneira e dous da Garda Civil.