20 anos do 'Prestige'

Mangouras racha o seu silencio: "O tempo pasaba e ninguén tomaba decisións"

O capitán do 'Prestige', Apostolos Mangouras. (Foto: Europa Press)
O capitán do 'Prestige', ao que algúns crían morto, fala desde a illa grega de Icaria, onde reside canda a súa familia.

Nos últimos anos especulouse, tanto aquí como en Grecia, sobre o posíbel falecemento do capitán do buque Prestige, Apostolos Mangouras. Porén, o xornalista vigués Fernando González 'Gonzo' seguiu a súa pista no programa deste domingo de 'Salvados' (LaSexta) e, finalmente, deu con el.

Mangouras vive agora nunha pequena illa grega canda a súa familia, gozando da súa xubilación mais inmerso aínda nun proceso xudicial que lle impide falar abondo deste acontecemento. Preguntado polos rumores sobre a súa morte, riu e dixo: "A xente di o que quere".

Malia non gozar aínda de "liberdade para falar", o que para moitas persoas foi a 'cabeza de turco' do sinistro do Prestige si lembrou o "bo trato" que recibiu da sociedade naquel momento e mesmo agradeceu a quen o "axudaron", mais non así as autoridades españolas, das que considera que non obtivo un trato xusto.

Aliás, en declaracións ao xornal ABC, o capitán do barco afirmou: "O que máis duro me resultou durante toda a detención e o tempo que pasei no Estado español foi non poder falar nin defenderme. É algo que aínda me pesa e que me causa tristura".

Da súa estadía no cárcere de Teixeiro, até que a armadora do buque abonou a fianza requirida, lembrou: "Todos os días recibía decenas de cartas nas que moita xente, case todos estudantes, mandábame ánimos".

Ao mesmo tempo, Mangouras lamentou que, durante eses días de deriva do Prestige, "o tempo pasaba e había que tomar decisións, mais ninguén o fixo".