Antonio López, reitor da USC: "Precisamos solucións para a vivenda, como alugueres para o estudantado"
Autonomía, financiamento e vivenda centraron os discursos de apertura do novo curso académico no Sistema Universitario da Galiza (SUG) que se desenvolveu o 4 setembro o Colexio de Fonseca, en Compostela, desde onde o reitor da USC, Antonio López, analiza os retos deste curso.
—Con que números abre o curso universitario a USC?
Hai un número que sempre temos de referencia, que é o de alumnos que se matriculan por primeira vez nos estudos universitarios. E a verdade é que temos uns números moi bos para este curso. Estamos falando de que a día de hoxe hai matriculados 4.960 estudantes, máis ou menos. Ofrecemos 4.729 prazas e aínda que temos algunhas vacantes nalgunhas titulacións, como hai outras nas que estamos un pouco por riba, no conxunto andamos sobre as 4.000 prazas cubertas en Compostela e ao redor de 950 en Lugo. Comparativamente, son moi boas cifras. Estamos falando de case 100 prazas máis en Lugo que o ano pasado e aquí [Santiago], case outras 100.
O Mestrado en Matemáticas é moi necesario para dar continuidade a estudos que logo vaian orientados cara á investigación, todos coincidimos en que debe continuar
—O número de estudantes universitarios comeza a ser unha preocupación ante a mingua da poboación e a competencia privada. Como reverter esa perda?
É sempre un reto, que tamén che dá unha visión de como as titulacións están adaptadas ou non á demanda. Afortunadamente temos unha moi boa cobertura de prazas nas nosas titulacións, andamos polo 96%. Por outra parte, agora mesmo chegan á universidade os rapaces que naceron nos anos 2007, 2008, 2009 e sabemos que a partir de 2010 hai unha caída demográfica moi grande coincidindo coa crise económica. Mudar esa evolución vai ser difícil, pero as universidades terán que empezar a pensar en abrir o foco. Unha das vías é non considerar só a docencia regrada de graos e mestrados, de 18 a 25 anos, senón pensar nunha docencia máis ao longo de toda a vida, para converter en obxectivo de docencia universitaria a poboación de entre 25 e 65 anos. Falamos dunha formación de perfeccionamento, de reciclaxe, e as novas fórmulas de microcredenciais que están a xurdir poden ser unha ferramenta moi importante. Logo, está claro que recibimos unha porcentaxe moi alta de alumnos do noso ámbito xeográfico máis próximo, pero temos que pensar no resto de España e nos ámbitos internacionais, e aquí Latinoamérica ten que ser un grande obxectivo.
—Están as cidades mellor preparadas para acoller os universitarios que veñen estudar á USC?
Santiago é unha cidade cun perfil universitario moi claro, unha cidade de tamaño pequeno, de 100.000 habitantes, na que podemos estimar que hai ao redor de 20.000 estudantes universitarios, Nós temos en total uns 26.000 estudantes, algo máis de 5.000 en Lugo e o resto en Compostela. A gran maioría non ten a súa vivenda familiar en Santiago, onde a competencia do sector turístico eliminou moitas ofertas privadas e incrementou os prezos, polo que ter unha vivenda axeitada empezou a ser un problema importante.
A USC é unha das universidades do país que máis prazas de residencia propias ten, xestionadas por nós, en relación ao número de alumnos que temos. Este ano ofrecemos ao redor de 960 prazas, cun elemento adicional que ten moito valor, que é que cobramos o importe da residencia en función das condicións económicas do estudantado. Isto supón un esforzo enorme; obviamente non se cobren os custos do servizo, pero non buscamos iso, senón ser un instrumento de igualdade de oportunidades. Estamos ante un problema que coñecemos todos, que afecta o estudantado e a cidadanía. Creo que é o momento de sentarnos a falar a Universidade, o Concello e a Xunta e buscar outras solucións, como vivenda orientada a alugueres para estudantes ou para persoas que están neses primeiros anos de emancipación.
—Comezaron as aulas sen Mestrado en Matemáticas, un título que a Xunta da Galiza comprometeu, malia todo, de cara ao ano que vén. Como será no futuro?
Estivemos traballando arreo até o mes de xullo, até o último momento, porque se trata dun mestrado moi necesario para dar continuidade a estudos que logo vaian orientados cara á investigación. Polo tanto, todos coincidimos en que o mestrado debe continuar. Imos tratar de reformulalo, a facultade xa está traballando neste camiño para achegar unha oferta que sexa estimulante e que consiga incrementar o número de estudantes matriculados.
Esta foi a solución á que se chegou. Ademais, esa norma que está detrás da continuidade do mestrado, que estabelece un número mínimo de estudantes, é unha norma que está en revisión. Temos o compromiso da Xunta de revisar ese punto porque as circunstancias cambiaron. Estamos falando dunha norma de 2011... pasaron 15 anos e debemos repensar algúns deses números mínimos e outros criterios. Sempre dicimos que ao mellor non hai que mirar só o número de alumnos senón as necesidades que hai no mercado, a inserción laboral deses estudantes, a proxección que ten para outras actividades. Pero agora o que cómpre é renovar a oferta para recuperar ese título no curso 2026-27.
—Este foi un dos debates máis soados na recta final do curso pasado. Outro ten a ver co grao de Medicina que a UDC quere impartir a partir de 2027. Hai marxe para o entendemento?
Como sabe, creouse un grupo de traballo no que estamos as tres universidades, persoas dos tres hospitais implicados e mais as consellarías de Sanidade e de Educación. Tivemos tres reunións antes do verán e agora temos que traballar na busca dunha solución de consenso para o futuro. Temos unha base no acordo de 2015, que é moi razoábel, no que se fala dunha titulación na Galiza para todo o sistema sanitario, para todo o sistema universitario. Temos que avanzar nesa liña, de facer que o título que temos hoxe sexa para todo o sistema sanitario, e iso supón utilizar todo o sistema para a formación do estudantado, como facemos xa na formación do sexto curso rotatorio. Pero hai máis formación práctica e clínica antes e debemos utilizar esas capacidades para formar os estudantes. Temos que aproveitar todas as capacidades dos profesionais dos distintos hospitais para que participen na docencia de Medicina. É fundamental que os médicos os formen médicos, por iso necesitamos todos os profesionais acreditados e avanzar nese proceso de descentralización. Para nós é o modelo máis razoábel: manter unha titulación con solucións descentralizadas, especialmente para a docencia que vai desde cuarto a sexto curso.
—Na apertura institucional do novo curso reivindicou autonomía e recursos. Como abordar os problemas de financiamento que atravesa o sistema universitario?
Eu sempre poño en valor que no SUG temos unha cultura asentada de plans de financiamento plurianuais que se renovan e que, ademais, se cumpren. Para nós é moi importante porque nos dá un elemento clave, que é a previsibilidade: podemos saber cales son os recursos dos que imos dispor o ano seguinte e con iso facer as nosas previsións. O plan actual remata en 2026 e teriamos que estar negociando o plan 2027-2031, unha circunstancia que se cruza co feito de que durante este curso vanse producir eleccións tanto na UVigo como na USC e estamos de acordo en que deben ser os equipos de goberno que van xestionar eses anos quen decidan.
Agora, os plans están na lei, que estabelece un esquema que eu penso que é moi doado de aplicar, un financiamento estrutural, un financiamento por resultados e outras fórmulas adicionais. En canto á contía dos recursos, creo que temos que seguir traballando coa comunidade autónoma, que é a principal financeira das universidades, pero tamén co obxectivo recollido na Lei de universidades de chegar a 1% do PIB en 2030 para o ensino universitario público. Temos que avanzar nesa liña, e aí teñen que confluír as dúas administracións, Xunta e Estado, para pór os recursos. Estariamos falando, nunha primeira estimación, de algo máis de 3.000 millóns máis cada ano, que logo habería que ver como se reparten.
Por outra parte, no último plan de financiamento incorporamos outra peza importante que é o plan de infraestruturas, moi necesario, porque temos que recuperar a falta de investimento que se produciu durante o período duro de crise financeira.
—Cantos deses recursos merece a investigación?
Nas últimas contas que fechamos os fondos destinados a investigación na universidade estiveron por riba de 100 millóns de euros por primeira vez, dun orzamento de 330 millóns. Isto pon de manifesto que a USC ten un perfil investigador moi potente. De cara ao futuro hai unha ameaza importante. Houbo un incremento notábel do financiamento da investigación moi ligado aos fondos europeos Next Generation. Estes fondos rematan en xuño-xullo do ano que vén, polo que imos ter unha freada importante dos recursos. Por outra parte, precisamos destinar cada vez máis recursos ao financiamento estrutural da investigación. Non podemos financiar a investigación con proxectos ou subvencións que se convocan cada ano. Iso está moi ben, pero cada vez máis é necesario ter un financiamento estrutural. Se temos centros de investigación de calidade contrastada e competitivos, temos que ter unha base mínima de funcionamento. A investigación hai que levala a centros transversais e dotala de recursos, cun cadro de persoal estrutural, equipamento e infraestruturas. Ese é o gran reto.
Dous mandatos marcados polo espírito de acollida e o "rigor" no gasto
A USC prepárase para unhas eleccións á Reitoría sen precedentes: cinco mulleres lideran as cinco candidaturas anunciadas até o momento para suceder Antonio López. Tras case oito anos á fronte da universidade, o reitor mostra a súa satisfacción polo "nivel de apoio e acollida que tivemos". O primeiro capítulo da súa memoria persoal afástase de resultados concretos para gabar o "traballo colaborativo" que fixo prosperar os proxectos que o seu equipo puxo en marcha, asegura. Ese espírito foi útil tamén para lidar con "problemas cos que non contabamos", como a pandemia ou a crise enerxética posterior á invasión rusa de Ucraína. "Durante estes anos fixemos un esforzo moi grande por actuar con rigor no gasto corrente, o que nos permitiu aumentar o investimento e seguir reducindo a débeda", afirma López, quen tamén destaca a xestión da remuda xeracional, a aposta nas infraestruturas, a consolidación da carreira investigadora ou a posta en marcha dun servizo de atención psicolóxica dirixido ao estudantado "cunha demanda crecente" e dunha liña de axudas en materia de vivenda ou comedores "cunha forte proxección sobre a comunidade universitaria".