Antón Bouzas renuncia a ser Vigués Distinguido polas "sombras" na política social municipal de Vigo

O activista Antón Bouzas, esta cuarta feira. (Foto: Europa Press)
Bouzas, a primeira persoa en renunciar a esta distinción en toda a súa historia, chama o alcalde Abel Caballero a reflexionar "sobre a falta de investimentos e de persoal en materia de política social, para atender aqueles veciños e veciñas que foron expulsados do Estado de Benestar".

O activista social Antón Bouzas presentou esta cuarta feira no rexistro do Concello de Vigo un escrito para formalizar a súa renuncia ao recoñecemento de Vigués Distinguido, horas antes de que se celebre a gala onde se outorgarán os galardóns deste ano, como forma de protesta polas "sombras" da política social municipal. No seu escrito, Bouzas convida o alcalde, Abel Caballero, e mais o Goberno local a facer unha reflexión sobre a falta de investimentos e de persoal en materia de política social, para atender aqueles veciños e veciñas que foron "expulsados do Estado de Benestar".

"No día de hoxe renuncio a ser Vigués Distinguido, nun contexto municipal con sombras na xustiza social. Fágoo co máximo respecto ás persoas e organizacións que recibiron, reciben e recibirán ese importante recoñecemento. Fágoo coa esperanza de que, nun futuro moi próximo, o ascensor social funcione para que os veciños en situación de pobreza pasen a formar parte da cidadanía, e que vostede, como alcalde, poña a mesma paixón neste obxectivo que mostra noutros proxectos millonarios de dubidosa urxencia e necesidade prioritaria", expón este activista.

Así mesmo, sinala que, nunha cidade "de luces e sombras", é unha "contradición" que o alcalde, en ocasións, "estea a facer o contrario do que se recoñece como un valor cidadán". "Non escoitar, non dialogar, non aceptar as discrepancias, provoca moitas veces a non desexada autocensura para conseguir a necesaria e imprescindíbel colaboración municipal", lamenta Antón Bouzas.

No escrito, refírese tamén ao currículo académico e político de Abel Caballero, á súa aposta mediática polas luces de Nadal e ao feito de lograr unha cidade economicamente solvente, pero contrapón estas situacións ás "sombras" da súa xestión.

As "sombras" do Goberno de Caballero

Nese aspecto, refírese ao rexeitamento municipal a usar o edificio da 'Gota de Leche' como dispositivo para persoas sen fogar; á poxa de 40 pisos do Concello na zona de Rosalía de Castro, renunciando a habilitar vivendas públicas; ao fechamento do local do programa de 'café-calor' Sereos, cambiándoo por un programa de intervención de rúa cunha furgoneta; ás afirmacións do alcalde de que "quen dorme na rúa en Vigo é porque quere"; negar as competencias municipais en vivenda, ou "faltar á verdade" afirmando que Vigo é a cidade que máis inviste en política social.

Antón Bouzas recibiu o recoñecemento de Vigués Distinguido no ano 2000, cando a cidade estaba rexida por un Goberno de coalición do BNG co PSOE, co alcalde nacionalista Lois Pérez Castrillo á fronte. É o primeiro Vigués Distinguido que formaliza a súa renuncia a tal recoñecemento.

Estes premios entréganse cada ano, desde 1987, no marco da celebración da Reconquista, e o Concello tamén outorga a Medalla de Ouro da cidade. Numerosas persoas e entidades recibiron esa distinción nos últimos anos, pero só unha devolveuna: o que fora director xeneral de Caixavigo e Caixanova, e logo copresidente de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso. O escándalo das preferentes, primeiro, e das prexubilacións fraudulentas despois —polas que foi condenado pola Audiencia Nacional—, levaron o Pleno municipal vigués a aprobar a retirada da Medalla en 2013 e o propio Fernández Gayoso devolveu a distinción.