Cinco anos do dominio .gal, cinco anos dun dominio galego na rede

Imaxe: puntoGAL

Esta quinta feira é o quinto aniversario da concesión do dominio por parte da ICANN. Puntogal celébrao  cunha promoción especial de rexistros a 5 euros + IVE

O 14 de xuño de 2013 a ICANN recoñecía o dominio .gal, poñendo o ramo así a un traballo e compromiso que Puntogal inicou en 2006, conseguindo  o apoio de institucións, asociacións, empresas e miles de cidadáns que asinaron solicitando o .gal para a cultura e a lingua galegas.

 

O dominio celebrará o aniversario cunha promoción especial de duración limitada. Entre o 14 e o 17 de xuño será posible obter un .gal por tan só cinco euros + IVE como prezo máximo.

 

PuntoGal ten actualmente rexistrados máis de 4.700 dominios, mantendo o obxectivo de rematar o ano por enriba da simbólica cifra dos 5.000. Dende a posta en funcionamento da primeira páxina, dominio.gal, o 16 de maio de 2014, moitas entidades se sumaron ao proxecto, empezando polos 93 pioneiros que iniciaron o camiño e viron a luz o 25 de xullo. A asociación está igualmente satisfeita da taxa de renovación dos dominios, que se mantén en porcentaxes elevadas.

                                              

PuntoGal quere aproveitar a celebración do aniversario para recoñecer o traballo realizado por todas as persoas que apostaron pola iniciativa dende o principio e dedicaron traballo e tempo para que o dominio galego sexa unha realidade.