Xustiza

Tres anos e 10 meses de cárcere para a enfermeira que accedeu máis de 300 veces ao historial do seu ex mozo e da parella

A enfermeira condenada accedeu máis de 300 veces ao historial clínico da súa ex parella e ao da compañeira sentimental do afectado. (Foto: Nós Diario)
Os xuíces consideran probado que a acusada carecía, en todas as ocasións, do consentimento "expreso ou tácito" dos denunciantes.

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra vén de condenar a tres anos e dez meses de cárcere e o pagamento dunha multa de 4.050 euros a unha muller que, na súa condición de enfermeira do Sergas na área sanitaria de Vigo, accedeu máis de 300 veces ao historial clínico da súa ex parella e ao da compañeira sentimental do afectado no momento.

Os feitos sucederon entre o 17 de xaneiro de 2016 e o 17 de outubro de 2019. Durante ese tempo, accedeu en 196 ocasións á historia clínica electrónica do seu ex mozo; noutras 124, á da a súa parella. Agora, ademais da pena de prisión, os maxistrados inhabilitárona durante nove anos e impuxéronlle a prohibición de aproximarse aos prexudicados durante tres anos.

Segundo se recolle na sentenza, o tribunal, que a considerou culpábel de dous delitos continuados de revelación de segredos, tivo en conta, en ambos os casos, a atenuante de reparación do dano porque consignou 12.000 euros a favor dos prexudicados en concepto de indemnización por danos morais e, a respecto do labor en relación coa súa ex parella, apreciou a agravante de parentesco. Ademais, condenouna a indemnizar cada unha das vítimas con 6.000 euros.

Por outra parte, a Audiencia absolveuna do delito de descubrimento de segredos que lle imputaba a acusación particular en relación á súa filla, xa que realizara 134 accesos "sen xustificación asistencial" á súa historia clínica electrónica.

A pesar de non informar diso ao seu pai, o tribunal subliña que o fixo mentres era menor idade e a acusada exercía sobre ela a súa patria potestade e ostentaba a súa garda e custodia.

Ao mesmo tempo, os xuíces consideran probado que a acusada carecía, en todas as ocasións, do consentimento "expreso ou tácito" dos denunciantes, así como "dunha xustificación asistencial".

Así, destacan na sentenza que se guiou, "en todos e cada un dos accesos", polo ánimo "de invadir a esfera máis persoal e íntima" dos prexudicados, así como "de tomar coñecemento de feitos ou circunstancias relativas ao seu estado de saúde, tratamentos médicos, prescricións farmacolóxicas, asistencias facultativas, probas diagnósticas e demais datos relacionados coa súa saúde, que nunca lle foron comunicados nin pola súa exparella ou a parella deste con anterioridade e sen que tivesen coñecemento algún diso".