Oposición de educación 2026: estas son as prazas convocadas para cada especialidade
A Consellaría avanzou que serán 476 prazas para mestres, 852 para Secundaria e 60 en cinco especialidades no corpo de profesorado especialista en sectores singulares da FP.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou esta cuarta feira a oferta para as oposicións de 2026, nas que se convocarán 1.601 prazas en 42 especialidades. En concreto, avanzou que serán 476 prazas para mestres, 852 para Secundaria e 60 en cinco especialidades no corpo de profesorado especialista en sectores singulares da FP.
Segundo debullou Rodríguez, 1.388 son para ingreso en tres corpos e 42 especialidades, o que supón 86,7% das prazas. Os 213 restantes serán para a promoción interna, para pasar de mestre a profesor de ensino secundario, en 29 especialidades diferentes.
Por corpos, no de mestre convócanse 476 prazas en oito especialidades -Educación Infantil (80); Inglés (45); Francés (35); Educación Física (25); Música (30); Pedagoxía Terapéutica (95); Audición e Linguaxe (41); Educación Primaria (125)-.
Para o profesorado de ensino secundario serán 852 en 29 especialidades, das que destaca a oferta de Inglés (147); Lingua e literatura galega (80); Matemáticas (50); Sistemas e aplicacións informáticas (40); Lingua castelá e literatura (35); Xeografía e Historia (50); Procesos de xestión administrativa (33); Formación e orientación laboral (31); Física e Química (30); Debuxo (30); Informática (30); Filosofía (25); Bioloxía e Xeoloxía (25); Educación Física (20); Economía (20); Administración de empresas (20); Procedementos sanitarios e asistenciais (20); Procesos comerciais (20); Procesos comerciais (20); Francés (20); Música (15); Orientación educativa (15); Tecnoloxía (15); Organización e xestión comercial (15); Organización e proxectos de fabricación mecánica (15); Procedementos de diagnóstico clínico e ortoprotésico (10); Construcións civís e edificacións (8) e Portugués (5).
Pola súa parte, haberá 60 prazas en cinco especialidades para profesores en sectores singulares da FP: Mantemento de vehículos (20); Soldadura (14); Cociña e pastelaría (12); Estética (7) e Fabricación e instalación de carpintería e moble (7).
En canto á promoción interna, haberá 213 prazas en 29 especialidades, entre as que destaca Inglés (37); Lingua e literatura galega (18); Matemáticas (14); Sistemas e aplicacións informáticas (10).
Atención á diversidade
Neste contexto, o conselleiro destacou o reforzo da convocatoria de prazas en "áreas chaves", como a atención á diversidade, cun total de 136 prazas para mestres especialistas en Audición e Linguaxe (AL) e en Pedagoxía Terapéutica (PT): "Isto supón un 46% máis que nas oposicións de 2025", apuntou.
Tamén fixo fincapé no reforzo da aprendizaxe das linguas estranxeiras, cun total de 229 prazas en Inglés -entre mestres, Secundaria e promoción interna-, así como en Francés, cun total de 54 prazas entre mestres, Secundaria e promoción interna.
Aliás, subliñou que se reforzan algunhas especialidades nas que "se estaban esgotando as listas de substitucións", como é Latín, con 35 prazas entre novo ingreso e promoción interna, ou Soldadura no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP, con 14 prazas.
Neste senso, o conselleiro lembrou que, "un ano máis, a Consellaría convoca o máximo de prazas posíbeis por lei, esgotando 120% da taxa de reposición, como xa se fixo o ano pasado". A maiores, adiantou que os exames se realizarán no mes de xuño e xullo, co fin de que os novos docentes estean incorporados aos centros o 1 de setembro.
Mesa sectorial a vindeira semana
Con todo, a proposta de distribución de prazas por especialidades analizarase coas organizacións sindicais o próximo 10 de febreiro na mesa sectorial, á que a Consellaría levará tanto o decreto de oferta pública de emprego como a orde de convocatoria das probas.
Con este fin, a documentación correspondente foi remitida ás mesmas. A secretaria nacional da CIG-Ensino valorou esta cuarta feira en declaracións a Nós Diario as prazas convocadas. Laura Arroxo denunciou as formas nas que se convocaron. "Enterámonos o día antes pola noite que o conselleiro ía dar unha rolda de prensa. Chegounos a convocatoria da mesa sectorial, para a próxima terza feira, cando el xa anunciara a súa rolda de prensa", destacou. "Non hai ningún tipo de negociación, nin paripé, foi a cara descuberta". Ademais, a secretaria nacional da CIG-Ensino lamentou a tardanza na que se convocan: "É un escándalo". "Como imos pedir unha especialidade a maiores con só catro meses?", preguntou. Con todo, e a falta dos datos de xubilación, para a CIG as prazas son "escasas". "Os centros necesitan máis docentes. Que pasa coas especialidades de música?". Arroxo destacou, ademais, que nas oposicións de 2025 houbo máis prazas de AL e o incremento deste ano só "foi en PT".
Pola súa parte, ANPE compartiu a súa preocupación, xa que asegurou que "este modo de proceder condiciona de maneira moi relevante a capacidade real de negociación das organizacións sindicais". "A reunión prevista para a próxima semana corre así o risco de verse reducida a un mero trámite informativo, sen marxe efectiva para o contraste de posicións nin para a incorporación de propostas... Reclamamos que a mesa recupere o papel que lle corresponde como verdadeiro espazo de negociación", reclamou.
Neste senso, o secretario xeral de Pública de CCOO Ensino, Borja Campos, lamentou que "non se pode falar de transparencia nin de diálogo cando as condicións anúncianse directamente á opinión pública, ignorando os espazos formais de negociación coas organizacións sindicais".
Finalmente, o líder de UXT Galicia, Cristóbal Medeiros, referiuse a unha "práctica habitual por parte do conselleiro", ao que acusou de "facer unha rolda de prensa dous minutos despois de mandar a convocatoria da mesa sectorial".