Ano novo... mesma política de subvencións aos medios
Finalizamos 2024 cunha noticia que, aínda que agardada, non deixa de resultar indecente: o galego segue a estar excluído das axudas a xornais impresos, pois a Xunta da Galiza volveu deixar fóra dos 1,255 millóns de euros que repartiu entre as empresas xornalísticas Nós Diario. Nesta ocasión, La Voz de Galicia recibe 550.545,47 euros; Faro de Vigo, 220.993,25; El Progreso de Lugo, 142.221,53 euros; El Correo Gallego, 47.783 euros; Atlántico Diario, 37.348; La Opinión de A Coruña, 33.751 euros e Grupo La Capital –editor de El Ideal Gallego, DXT ou Diario de Ferrol- 29.733 euros.
Entre as condicións recollidas nas bases da convocatoria atópase o nivel de vendas directas e subscricións, datos auditados pola Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), que este ano colocou Nós Diario como quinto xornal en papel con maior penetración na Galiza, con 4.194 diarios de media. Ademais, o Estudo Xeral de Medios situou Nós Diario —unicamente o periódico impreso, sen contar a edición dixital—, como o oitavo xornal máis lido cada día na Galiza, con arredor de 21.000 lectores e lectoras. Unhas cifras que superan as de xornais con maior traxectoria que reciben as axudas públicas como El Correo Gallego, Diario de Pontevedra, La Opinión de A Coruña, Atlántico Diario ou El Ideal Gallego.
Cúmprese o 10%?
Tamén se atopan entre os requirimentos que os xornais subvencionados empreguen a lingua galega “como mínimo nun 10% do total da súa información”. A convocatoria engade que “as empresas comprométense a manter ou incrementar progresivamente o uso da lingua galega nas emisións ou cabeceiras até o 31 de decembro” e que “nas informacións redactadas en castelán respectarase a lingua das declaracións da fonte ou da persoa entrevistada, sempre que as citas sexan transcritas en estilo directo”.
Os pregos do DOG recollen “a oferta positiva estabelecida no Plan xeral de normalización da lingua galega, cando menos na relación xornalística cos representantes dos cidadáns e cargos de responsabilidade pública. Para estes efectos, a oferta positiva consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada”.
As cifras de lecturas de 'Nós Diario' sitúanse por diante de xornais con maior traxectoria e que reciben axudas públicas
Sería interesante ter acceso aos indicadores de logro marcados pola Xunta da Galiza -se existiren- para coñecer o grao de cumprimento dos requirimentos anteriormente citados. Só é necesario ollar os xornais editados no país para ter serias sospeitas de que o estipulado no referente á lingua nesta convocatoria fica en papel mollado.
Outra das condicións que estabelece a convocatoria é que as empresas xornalísticas conten con cinco traballadoras ou traballadores, o que fecha a porta a todos os medios dixitais nativos en galego, coa excepción de nosdiario.gal, que só recibe dentro desta liña 2.913,81 euros. A isto súmase a cativa convocatoria de axudas destinadas aos medios escritos integramente en galego, próxima aos 200.000 euros, fronte aos máis de 1,2 millóns que reparte a Xunta da Galiza na resolución que vimos de coñecer e que deixa fóra o soporte dixital. Nesta convocatoria, Nós Diario recibe 30.000 euros por editar os 258 números en papel ao ano.
Convenios, o gran negocio
Calquera persoa que se dedique ao xornalismo é coñecedora de que os millóns de verdade son repartidos de maneira discrecional e escurantista, por medio de publicidade e, sobre todo, de convenios e de contratos. Descoñécese a cantidade que destina a Xunta da Galiza a financiar a prensa en papel, aínda que os cálculos extraoficiais dos investigadores apuntan aos 20 millóns de euros anuais e a que o 90% das axudas aos xornais en papel repártense á marxe das convocatorias de subvencións do DOG.
Existen convenios de todo tipo, desde os destinados ao “desenvolvemento de accións de promoción e difusión de programas educativos” aos dedicados a “potenciar o turismo” ou “o uso do idioma galego”. Tamén os asinados para publicar “información relacionada con estratexias, programas e/ou iniciativas” de calquera das Consellarías “que resulten de interese para a cidadanía”. Un epígrafe no que colle todo, mesmo xornais que empregan toponimia ilegal, como o diario español ABC.
Neste contexto, resultades aínda máis necesarias as persoas subscritoras, que sodes as que facedes posíbel a existencia de Nós Diario. Para os agasallos de Reis de última hora... xa sabedes! Que mellor maneira de celebrar o quinto ano de Nós Diario que garantindo o seu futuro!
[Esta análise foi corrixida, por un erro da autora, no referente á liña de axudas específica para medios en galego]