Animalistas denuncian perante a Valedora do Pobo as cacerías de raposos

Cacería de raposos

Libera! e a Fundación Franz Weber veñen de presentar unha demanda ante a Valedora do Pobo polo incumprimento dun acordo parlamentar no que se recollía a fin das subvencións a este tipo de eventos.

A queixa rexistrada recolle a existencia dunha proposición Non de Lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza o pasado marzo de 2018 na que se instaba a Xunta a "non subvencionar estas actividades, non apoialas nin participar na súa promoción e desenvolvemento". No entanto, a institución segue a aparecer como patrocinadora nos carteis promocionais.

 

Estes “campionatos” terán lugar o vindeiro sábado 12 de xaneiro e estenderanse até principios do mes de febreiro. A Fundación Franz Weber e a Asociación Animalista Libera lembran que durante a tempada de caza 2018-2019 mataranse aproximadamente 12.500 exemplares de raposo.

 

Dende ambas asociacións cualifican a actividade cinexética como “un acto reprobábel, paracientífico e innecesario” e insisten en que “a Xunta segue a consentir non só a matanza, senón tamén a contaminación ambiental asociada e que aínda non foi avaliada no seu conxunto”.

 

Demandan ademais unha maior transparencia, en tanto que a entidade organizadora é perceptora de fondos públicos e a súa obrigación de facer accesíbeis os calendarios reais das convocatorias.