Andaina reivindicativa contra o proxecto de explotación mineira Wolfran Aurense en Arnoia

Arnoia

A camiñada decorrerá este domingo pola ruta do canal de Escudeiros, a carón do río Arnoia, zona de influencia dun proxecto mineiro "expoliador" e "agresivo"

CO obxectivo de denunciar o gran impacto ecolóxico e social que suporía para os territorios de Arnoia a posta en marcha do proxecto mineiro Wolfran Aurense, este domingo terá lugar unha andaina popular e reivindicativa. . Os concellos de Ramirás, Cartelle, Gomesende, Arnoia e Castrelo son os que sufrirían de forma directa as consecuencias deste proxecto, por iso a chamada á participación é especialmente para @s veciñ@s dos mesmos. Mais chámase a asistir de toda Galiza.

A ruta elixida será a da Canle de Escudeiros, na conca baixa do río Arnoia, con saída do cruceiro de Escudeiros ao lado da igrexa ás 9 da mañá, e prolongarase uns 11 quilómetros, culminando cun xantar cos participantes. A iniciativa está impulsada polo BNG. Ten parte a Asociación Cultural santa Bárbara de Escudeiros.

Destruír empregos e territorio

Desde a fronte nacionalista ínstase á Xunta de Galiza que á hora de emitir os informes sectoriais para posteriormente decidir se autoriza ou non a instalación deste tipo de mina, emitan informes negativos baseándose en tres premisas: Que se crea menos emprego do que se destrúe, menos riqueza da que se destrúe; que os seus efectos son irreparábeis; e que debe prevalecer o interese das persoas que habitan neste lugar e que o queren seguir facendo por riba do interese das grandes multinacionais que simplemente veñen esquilmar os nosos recursos.

O BNG está “diametralmente oposto a este tipo de políticas de espoliación de recursos naturais que benefician a multinacionais e para as que estes beneficios unicamente serven para gañar máis e máis diñeiro especulando con eles a base de destruír un territorio”.