Andaina en protesta pola posíbel instalación dun vertedoiro en Fecha, Compostela

Algunhas persoas participantes na andaina nos petroglífos (Nós Diario).
A veciñanza denuncia as intencións dunha empresa que solicitou licenza para a restauración dunha antiga canteira.

Unha andaina aos petroglifos de Pedra serviu como acto de protesta contra a intención de instalar un vertedoiro na canteira de Fecha, en Compostela.

A empresa Vértebra Ambiental solicitou licenza para a restauración dunha antiga canteira en Fecha que hai 50 anos deixou de ter actividade extractiva e na actualidade ten lagoas estacionais froito das chuvias con flora e fauna que repoboou este lugar.

Esta canteira, explotada no seu momento por unha empresa de Suecia, extraía cuarzo das denominadas Minas da Barquiña, nas que se distinguía a Blanquita 1 e Blanquita 2.

Agora mesmo o enorme filón que baixa en dirección ao río Tambre está cuberto de vexetación e para a veciñanza ten riqueza paisaxística.

Veciñas e veciños das parroquias de San Xoán e Santa Cristina de Fecha realizou xuntanzas en agosto para analizar esta situación e tomar medidas para denunciar a posíbel reactivación da mina que poidera afectar ao medio ambiente.

A poboación da zona ten preocupación, ante o sistema de recheo con refugallos e a maneira de operar empregan as empresas neste tipo de canteiras que, co tempo, solicitan novas licenzas para convertelas en vertedoiros.

O BNG compostelán reclamoulle este verán ao alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, medidas para impedir que vaia adiante a solicitude de licenza.