Analistas e investigadores afondan no diálogo Galiza-China nunhas xornadas do Igadi

As Xornadas desenvólvense esta semana.

 

Tres días de diálogo e debate nunhas xornadas que queren ser un foro global arredor das relacións entre Galiza e China, no marco do diálogo Unión Europea-China e a Axenda 2030 de Nacións Unidas.

Tres xornadas nas que participarán investigadoras e analistas de entidades coma a Academia de Ciencias Sociais da China, o Real Instituto Elcano, o Instituto de Oriente (Portugal), o Foro Macau, Cátedra China, o Centro de Estudos e Investigación sobre Asia Oriental (UAB), a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en China ou a Asociación de Galegos en China, entre outras.

Tal e como sinala o Igadi (Instituto galego de análise e documentación internacional) as Xornadas produciranse tamén no contexto da volta ao Parlamento da Galiza “para a súa aprobación do proxecto da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento”.

Así as cousas, explican, “o papel da diáspora galega na China, as relacións de Galiza co mundo da lingua portuguesa (oficial en Macau), o papel das nosas cidades na proxección da Galiza global, ou o diálogo final na última sesión das Xornadas, o venres 16 de outubro ás 18:00, entre a Rede Galicia-China identificada polo informe do IGADI no marco do proxecto, aspiran a poñer enriba da mesa as potencialidades dunha acción exterior de Galiza con vontade de retorno para a nosa sociedade”.

O proxecto “O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente-Occidente” naceu da crenza de que Galiza “debería poñer en valor o seu capital exterior, simbólico e operativo, e que o diálogo entre os Camiños a Santiago e a Ruta da Seda ofrecía no marco do S.XXI un espazo ideal para impulsar unha maior coordinación e maior coñecemento mutuo con China, así coma unha plataforma con forte valor simbólico para posicionar o selo exterior de Galiza”.

As Xornadas poñen punto final á primeira fase do proxecto “O Xacobeo e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente-Occidente” (iniciado o 1 de novembro de 2019).