Amnistía Internacional reclama máis vivenda pública e control dos alugueiros ante a crise habitacional no Estado español
Amnistía Internacional advirte de que o Estado español continúa inmerso nunha crise estrutural do dereito á vivenda e reclama ás administracións públicas medidas urxentes para ampliar o parque público, controlar os prezos do alugueiro e impedir desaloxos sen alternativa habitacional. A organización presentou as súas propostas coincidindo co terceiro aniversario da entrada en vigor da Lei de Vivenda.
Amnistía Internacional denunciou nesta quinta feira que millóns de persoas seguen vendo vulnerado o seu dereito á vivenda no Estado español e reclamou unha resposta política "ambiciosa e urxente" para afrontar unha crise que cualifica de estrutural. A organización presentou fronte ao Congreso dos Deputados a campaña "É máis fácil entrar na casa de Benito que conseguir unha vivenda digna", aproveitando a presenza en España do cantante Bad Bunny e coincidindo co terceiro aniversario da entrada en vigor da Lei estatal de Vivenda.
Segundo a organización, a situación actual responde á combinación de varios factores, entre eles a escaseza de vivenda social, o insuficiente investimento público, o aumento continuado dos prezos da compra e do alugueiro, a proliferación dos alugueiros turísticos e de tempada e a falta de protección das persoas inquilinas.
Neste sentido, a organziación destaca que o Estado español conta cun parque de vivenda social en alugueiro equivalente a un 1,71% do total, moi lonxe da media europea de 9%, mentres que o investimento público en políticas de vivenda representa un 0,5% do PIB, fronte un 1,2% da media da Unión Europea. Ademais, lembra que desde 2013 se produciron arredor de 600.000 desaloxos e alerta de que os prezos da vivenda se duplicaron na última década sen que os salarios experimentasen unha evolución similar.
Neste sentido, Amnistía Internacional chama, en cumprimento coas obrigacións xurídicas internacionais, a aumentar o parque de vivenda alcanzábel, regular o mercado do alugueiro mediante control de prezos e poñer fin aos desaloxos sen alternativa habitacional de persoas vulnerables.
A organización tamén advirte do incremento dos alugueiros de habitacións, especialmente entre a poboación moza, e denuncia que moitas destas persoas quedan fóra da protección da lexislación vixente. Xunto a isto, sinala a persistencia da discriminación residencial, especialmente contra colectivos racializados e vulnerábeis.
No seu informe, Amnistía analiza o novo Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, considerando positivo o incremento do investimento previsto, así como a aposta pola ampliación do parque público de alugueiro social e o reforzo das axudas destinadas a colectivos vulnerábeis. Con todo, critica que o financiamento siga sendo insuficiente e cuestiona algúns requisitos de acceso vinculados á nacionalidade, á residencia legal ou ao empadroamento.
A entidade tamén valora favorabelmente a tramitación parlamentaria da regulación dos alugueiros de tempada e de habitacións, aínda que expresa a súa preocupación polo rexeitamento recente no Congreso da prórroga das limitacións ás rendas, da extensión dos contratos de alugueiro e da moratoria de desafiuzamentos para familias vulnerábeis.
Así mesmo, a organización alerta de iniciativas lexislativas como a Proposicións de lei relativas a vivenda e solo e a ocupación do Partido Popular, que, como denuncian, “pretenden reducir os prazos de suspensión dos desaloxos, derrogar a declaración de zonas tensionadas e os límites aos prezos de alugueiro, eliminar as prórrogas extraordinarias dos contratos, executar desaloxos sen garantías de protección de dereitos humanos en 24 horas aínda nos casos que afecten a persoas en situación de vulnerabilidade e a prohibición ou baixa do padrón municipal ás persoas que ocupen ilegalmente”.
Neste marco, Amnistía Internacional lembra que garantir que a vivenda sexa accesíbel “non é unha opción política, é unha obrigación xurídica dos Estados”. O Comité DESC definiu a accesibilidade como a condición na que “os gastos asociados á vivenda sitúense nun nivel tal que a satisfacción doutras necesidades básicas non se vexa ameazada”. Con todo, o Estado presenta unha das taxas máis elevadas de risco de pobreza relacionada coa vivenda na eurozona. De feito, o Estado español vén recibidindo recomendacións de mecanismos internacionais de protección de dereitos humanos orientadas á regulación dos prezos de alugueiro desde hai anos.
Oito propostas
Ante este escenario, Amnistía Internacional propón unha serie de oito recomendacións dirixidas ás administracións públicas e ao poder xudicial. Entre elas figuran a aceleración da execución do Plan Estatal de Vivenda, a ampliación do parque público de alugueiro, a regulación dos contratos de habitacións, o incremento das axudas de emerxencia para evitar desaloxos e a garantía de alternativas habitacionais antes da execución de calquera lanzamento.
Así, a organización lembra que o acceso á vivenda non constitúe unha cuestión de oportunidade política, senón unha obrigación xurídica derivada dos tratados internacionais de dereitos humanos ratificados por España, e insta as distintas administracións a adoptar medidas estruturais que permitan garantir este dereito de forma efectiva.