Denuncia do comité de empresa

Ameazas de despedimento a unha xornalista da CRTVG que reivindicou pluralidade

Último #VenresNegro na CRTVG, o pasado 27 de xullo.

A dirección da CRTVG vén de abrir un expediente sancionador por “falta moi grave” a unha presentadora da compañía. O motivo explícito, a súa participación nunha gala benéfica contra o cancro. O motivo real, segundo o comité de empresa, “unha represalia irracional porque a presentadora dimitiu dos seus labores no telexornal en protesta polo control informativo”.
 

“É desproporcionado, discriminatorio e indignante”, considera a representación sindical nun comunicado. A xornalista Tati Moyano -que renunciou, canda Alfonso Hermida, a seguir presentando telexornal- axustouse “escrupulosamente ao protocolo que empregan os profesionais que participan en actos deste tipo”, o que inclúe “persoal directivo que mesmo acode a actos de carácter remunerado”. “Nunca a compañía reaccionou de semellante maneira”, engade.

 

Segundo o comité de empresa, a acción da dirección encabezada por Alfonso Sánchez Izquierdo obedece unicamente a unha “represalia” contra a actitude crítica de Moyano. Ademais da súa dimisión do informativo da TVG, a xornalista tamén aludiu á situación de control que o PP exerce nos medios públicos durante a mencionada gala benéfica o pasado 22 de xuño. Entre o público atopábase o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo.

 

“A posición honesta da traballadora enaltece a imaxe pública da televisión”, entende o comité, “e contribúe a paliar o dano irreparábel que está a provocar a manipulación da actual dirección sobre o concepto que ten a cidadanía dos servizos públicos esenciais”.

 

Nunca antes o ente público de comunicación vivira tantas e tan intensas protestas do cadro de persoal contra o control político do PP sobre o seu traballo. Dez #VenresNegros consecutivos -en que os empregados visten de negro para amosar o seu rexeitamento ás prácticas da dirección- son a proba máis rechamante. Que o colectivo de presentadoras e presentadores da CRTVG remitise a Recursos Humanos un escrito de solidariedade con Moyano, outra.

 

“Os sindicatos que conforman o comité de empresa esiximos a retirada inmediata do expediente á traballadora e aseguran que canalizarán todas as súas enerxías a prol do cumprimento da lei de medios públicos e solicitamos a remuda do actual director xeral para defender a pluralidade e a imparcialidade do servizo público de radio e televisión”, conclúe a nota da representación sindical das traballadoras e traballadores.