Ameazan con denunciar a Catedral de Santiago de Compostela polo uso da máscara

Cola de acceso á Catedral de Santiago. (Foto: Arxina)
A asociación que ameaza con denunciar naceu durante a pandemia a partir de varios grupos de Telegram.

A Asociación Liberum, unha organización nacida "como grupo de Telegram", segundo recolle a súa páxina web, ven de publicar un comunicado no que explica que estuda denunciar a Fundación Catedral de Santiago por manter a obrigatoriedade de empregar a máscara no interior do edificio.

Segundo recolle o escrito desta asociación, Liberum remitiu un requirimento por burofax á Fundación, no que lle dá 24 horas para retirar a obrigatoriedade de acceder ao templo con máscara ou, pola contra, interporá accións xudiciais.

Este colectivo, formado por grupos de Asturias, a Galiza e Cantabria, di que o seu obxectivo é "restaurar os dereitos e liberdades que nos foron usurpados no transcurso da pandemia COVID-19".

Neste sentido, o comunicado asegura que membros do equipo xurídico de Liberum tiveron coñecemento "en primeira persoa" da "imposición de máscara obrigatoria" para acceder á Catedral de Santiago.

"Vulneración" da lei

Tal e como sinala a entidade, a páxina web da Fundación tamén recolle esta obrigatoriedade, baseándose na "precaución" necesaria pola afluencia de persoas.

A Asociación Liberum di valorar estas indicacións "con estupor e ruborizo" e considera que se trata dun ataque aos "dereitos fundamentais dos cidadáns". "A Fundación Catedral de Santiago considérase, ilusamente, á marxe da lei, do ordenamento xurídico e constitucional, atribuíndose un rol de autoridades sanitarias que non lle corresponde", apunta a entidade no comunicado.

Liberum afirma que o real decreto de medidas en vigor "non permite, nin facilita, nin habilita que a Fundación faga obrigatoria a máscara dentro da Catedral", xa que se circunscribe esta opción a centros sanitarios e transporte público.

Segundo o seu punto de vista, a Fundación "vulnera e lesiona o principio de legalidade, o principio de xerarquía normativa e o de seguridade xurídica" e exerce "coacción sobre os cidadáns".