Álvaro Ratón, porteiro do Zaragoza, volverá ser xulgado por unha agresión sexual no Carballiño

O futbolista Álvaro Ratón. (Foto: Proneo Sports)
Os feitos aconteceron na noite de San Xoán de 2018.

A Audiencia Provincial de Ourense ordenou esta quinta feira repetir o xuízo contra o porteiro do Zaragoza Álvaro Ratón por unha agresión sexual denunciada no municipio do Carballiño, da que foi xulgado e absolto. Faino após estimar o recurso de apelación interposto pola denunciante contra a sentenza do Xulgado do Penal número 1 de Ourense, de setembro de 2022, despois de que o seu titular volvese absolver o porteiro dun delito de agresión sexual e outro de lesións.

Os feitos remóntanse á noite de San Xoán de 2018 no Carballiño, cando unha muller denunciou que o futbolista se aproximou a ela coa intención de intimar e, logo de rexeitalo, non aceptou a negativa, empurrouna, intentou bicala e someteuna a tocamentos. Por estes feitos reclamaba catro anos de cárcere para o deportista.

O xuízo contra o futbolista tivo lugar en febreiro de 2021. Non obstante, a sentenza absolutoria emitida polo Xulgado do Penal foi anulada pola Audiencia Provincial de Ourense após o recurso da defensa e ao estimar que non foran valoradas probas “substanciais”.

Posteriormente, a titular do Xulgado ratificouse no sentido da primeira sentenza ao entender que a versión da vítima non se vía corroborada “polo resto de medios de proba” e considerar que non había “un cadro probatorio de signo incriminatorio”.

"Garantir imparcialidade"

Agora, nunha sentenza con data do 26 de abril, a Audiencia de Ourense ordena realizar un novo xuízo por un xuíz distinto “a fin de garantir a imparcialidade do pronunciamento”.

Tamén estima que se prescindiu “da valoración conxunta e interconectada dos distintos medios probatorios, o que motivou a prevalencia de criterios de valoración subxectivos, alcanzando por iso conclusións erróneas”.