O alumnado de Medicina recupera 100% das prácticas clínicas e abandona a folga

Concentración do alumnado de Medicina nas aulas do edificio docente Novoa Santos (Foto: Arxina).

En menos de 24 horas, estudantes dos cursos superiores de Medicina da USC lograron o seu obxectivo: o compromiso do Decanato de rescatar o máis axiña posíbel a formación íntegra do alumnado en centros hospitalarios.

 

As protestas do alumnado de Medicina coincidindo co primeiro día do curso universitario deron resultado. Por terceiro ano consecutivo as estudantes de 3º, 4º e 5º iniciaban a súa formación cunha programación limitada pola Covid. Con aulas expositivas semipresenciais e as prácticas clínicas reducidas a 50%.

Tras debater o custo formativo destas restricións e confirmar o prexuízo profesional que que ían supor, acordaron comezar o curso cun paro que abrise a porta ao diálogo e a mudar as condicións de cara aos vindeiros meses.

Diálogo

E a mobilización surtiu efecto. A última hora desta segunda feira, tras se concentrar ás portas do edificio docente Novoa Santos e reivindicar unha formación digna e de calidade, sobre todo en centros sanitarios, en contacto cos doentes e con outros profesionais da medicina, asinaron un acordo co equipo decanal de Medicina para restituir 100% das prácticas clínicas e mellorar a presencialidade nas aulas da facultade.

Así, resolveron enviar unha proposta á Secretaría do Reitorado cos cambios necesarios "para que o sistema de semipresencialidade permita unha maior asistencia presencial a aqueles alumnos que o desexen", respectando sempre todas as medidas de seguridade.

Ademais, recuperarán 100% das prácticas clínicas, polo que intentarán organizar os horarios de alumnado e profesorado para poder ter, tamén, 100% das prácticas da materia.

Fin da folga

Segundo explican representantes da Asemblea Aberta de Medicina, isto supón a necesidade de realizar "distintos trámites" que adiará un tempo o inicio das prácticas que xa deberan estar en marcha. O alumnado non se poderá incorporar de inmediato pero poderá recuperar os días perdidos "en períodos vacacionais".

Dado que se solucionou a nosa principal preocupación, que era conseguir recuperar 100% das prácticas clínicas, os membros da AAM decidimos, por maioría absoluta, non continuar coa folga", informan a través dun comunicado, no que tamén agradecen a resposta da dirección da facultade ás súas solicitudes.