Alertan sobre presenza de uranio na mina de San Fins

Ecoloxistas en Acción demanda a realización dun estudo radiolóxico.

Ecoloxistas en Acción anuncia que puxo en coñecemento da Xunta e do Consello de Seguridade Nuclear a "confirmación de que na mina de San Fins existen concentracións significativas de uranio", mineral radioactivo de elevada perigosidade.

Así o confirma, sostén, un traballo de investigación da Universidade de Oviedo ao que informa que tivo acceso e que foi remitido tanto ao departamento de minas como a Augas de Galiza como á Administración nuclear.

Mentres que a actividade da mina xa debía terse sometido á avaliación de impacto ambiental por tratarse dunha explotación con presenza de sulfuros que provocan drenaxes ácidas de mina con elevadas concentracións de metais pesados, e por estar a menos de 1 km de varios núcleos de poboación, "a presenza de uranio fai imprescindíbel" que a mina sexa ademáis obxecto dun estudo radiolóxico que permita determinar os posibles impactos sobre o ambiente e a saúde das poboacións aledañas e das persoas traballadoras na propia explotación.

A organización ecoloxista sinala que as concentracións de uranio non son suficientes para xustificar o seu aproveitamento comercial

Ecoloxistas lembra que a posíbel presenza de uraninita nas pegmatitas de San Fins xa fora apuntada nun estudo realizado en 1981 pola Comisaría da Enerxía e dos Recursos Mineirais do entón Ministerio de Industria, e que agora, 40 anos despois, "confirma o estudo realizado no Departamento de Xeoloxía da Universidade de Oviedo".

A organización ecoloxista sinala que as concentracións de uranio non son suficientes para xustificar o seu aproveitamento comercial, que comezan a ser viábeis a partir de 40 ou 50 partes por millón (ppm), en San Fins as concentracións detectadas están por volta de 12 ppm.

Mais, alertan, si son o suficientemente elevadas para a necesidade de realizar un estudo radiolóxico como parte da avaliación de impacto ambiental que Ecoloxistas en Acción e numerosos colectivos veñen demandando desde hai anos.