Alerta vermella por altas temperaturas na zona do Miño

As altas temperaturas afectan toda Galiza. (Foto: Europa Press)
A vaga de calor estenderase por toda a Galiza até, cando menos, a sexta feira.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar para esta cuarta feira a alerta vermella por altas temperaturas nas comarcas ourensás da zona do río Miño.

Segundo a información da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), trátase dun fenómeno meteorolóxico que podería comezar cara ao mediodía, e que traerá unhas temperaturas que poderán alcanzar os 42 graos centígrados.

Ademais, durante toda a cuarta feira tamén estará activa a alerta laranxa por altas temperaturas que poden chegar até os 41 graos centígrados nas comarcas luguesas do sur e aos 39 graos nas comarcas ourensás do noroeste e as pontevedresas da zona do río Miño.

Por outra parte, agárdase para esta quinta feira outra alerta laranxa con máximas que poden chegar aos 39 graos centígrados en varias zonas do país: as comarcas coruñesas do interior e as zonas do Miño e de Valdeorras; así como, novamente nas comarcas pontevedresas do Miño.

Aviso aos concellos afectados

Co obxectivo de garantir a seguridade dos e das habitantes destas comarcas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE), informou da situación aos concellos afectados, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros organismos implicados.

Ademais, o Goberno galego volveu recomendar extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerábeis como as persoas maiores, as crianzas, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.