Alerta en Trabada: un incendio que xa calcina 160 hectáreas aproxímase a varios núcleos de poboación

Incendio en Trabada (Foto: @Incendiosgalic1).
A alcaldesa do municipio cualificou a situación de "terríbel". 

A proximidade do incendio a núcleos de poboación obrigou a declarar a denominada 'situación 2' no concello de Trabada (comarca da Mariña), informa a Consellaría do Medio Rural.

En concreto, as chamas achéganse aos núcleos de Barreiros, Vidal e Penacova, tras iniciarse na parroquia de Trabada, no municipio do mesmo nome.

Últimas estimacións

Segundo as últimas estimacións, o fogo, que empezou ás 15.16 horas, queimou unhas 160 hectáreas.

Para tratar de estabilizalo foron mobilizados cinco técnicos, seis axentes, 13 brigadas, 10 motobombas, tres pas, un tractor, cinco unidades técnicas de apoio, seis avións e tres helicópteros.

Situación "terríbel"

A alcaldesa de Trabada, Mayra García, afirma que a situación provocada polo incendio forestal é "terríbel", debido ás condicións de vento, a chegada da noite e un fogo que ve "incontrolado", a pesar da presenza de medios para tratar de apagalo.

A rexedora sinala que nos tres núcleos de poboación aos que se aproximan as chamas segundo a Xunta "vive xente".

"Hai moito vento" nunha xornada na cal os termómetros volveron marcar altas temperaturas para a época do ano e nun contexto de escasas precipitacións, polo que o panorama é "terríbel", segundo a primeira edil.

Incendio de Avión

Segue estabilizado, segundo o departamento galego, tras calcinar unhas 70 hectáreas, o fogo que comezou na parroquia de Nieva, en avión (O Ribeiro).